O aforro no gasto municipal capitaliza o esforzo do Plan de Axuste

A concelleira de facenda, Mª Xosé Vega, explicou a proposta de axuste económico que o goberno municipal someterá á aprobación da Corporación Municipal no vindeiro pleno que se celebrará na mañá do venres día 30 de marzo.

 

Mª Xosé Vega indicou que, como consecuencia das políticas de recortes do goberno central e da Xunta de Galicia provócase unha reacción en cadea que repercute na administración local, nas facendas dos concellos. A concelleira subliñou que existe un problema no financiamento local, e que a situación dos concellos vese agravada pola política de reaxustes e recortes.

 

Segundo comentou a responsable municipal da área de facenda, dende o ano 2008 e ata a actualidade, a participación do concello de Monforte en tributos do Estado e da comunidade autónoma reduciuse en 379.000 € anuais, 278.000 dos cales corresponden ó Estado e 101.000 á comunidade autónoma. Mª Xosé Vega sinalou que unida a esta situación de perda de ingresos hai que ter en conta que houbo impostos municipais que reduciron notablemente a súa aportación ás arcas do Concello, caso dos vinculados á construción que diminuíron nun 80 % debido á caída da actividade empresarial no sector.

 

A edil de facenda manifestou que Monforte ten un catálgo de servizos municipais relativamente extenso (bombeiros, instalacións deportivas, gardería, conservatorio, axuda a domicilio, autobús urbano, grúa, etc), e que todos eles son moi deficitarios, xa que a aportación das persoas que os utilizan non cubren nin o 50 % do seu custo e incluso algúns son gratuítos.

 

Mª Xosé Vega comentou que co Plan de Axuste o Estado estalle preguntando ós concellos se van manter os servizos que prestan, se os van pechar, ou se van incrementar o seu custo. A concelleira afirmou que o goberno monfortino quere manter os servizos que presta á cidadanía e que para elo presentarán ó Pleno da Corporación un Plan de Axuste con dúas medidas básicas: o aforro no gasto municipal e o lixeiro incremento dalgunhas taxas.

 

En canto ó aforro, a responsable de facenda cifrouno en 210.000 € para o ano 2012 e indicou que o mesmo fundamentaríase nunha rebaixa de gastos en persoal (reducindo prazas que aínda non se cubriron), en actividades culturais, en aforro enerxético, na Oficina de Rehabilitación, no gasto postal, e na redución da factura con Sogama xa que se recicla máis e mellor.

 

O Concello debe realizar o axuste sobre un total de 257.000 €, polo que ademais do esforzo en aforro no gasto municipal, sería preciso pedirlle á cidadanía unha pequena contribución de 46.000 € durante o ano en curso.

 

Eses 46.000 € afectarían á lixeira modificación dalgunhas taxas que teñen prezos moi aixos e á creación doutras para servizos que agora son totalmente gratuítos. A concelleira de facenda falou de pequenos incrementos nas taxas do conservatorio, da gardería, e do cemiterio, xunto coa creación dunha nova por utilización de instalacións deportivas.

 

Mª Xosé Vega sinalou que a pesares do lixeiro incremento estes servizos continuarían sendo deficitarios, ó tempo que manifestou que non se subiría o prezo do autobús urbano ou da axuda a domicilio.

 

A concelleira de facenda manifestou que o Concello decántase máis polo aforrro que pola suba de impostos e anunciou un aforro maior en anos sucesivos, superando os 300.000 € no ano 2013.

 

A responsable da área de facenda dixo que agardaba a responsabilidade dos grupos políticos da oposición para aprobar este Plan de Axuste, responsabilidade que xa demostrou o PSOE coa aprobación das ordenanzas. Mª Xosé Vega dixo que a crise non ten cor política e que a práctica totalidade dos concellos terán que realizar plans de axuste. 

 

Este plan deberá contar primeiro coa aprobación do Pleno da Corporación, logo co visto bo do Estado e, a partir dese momento, habería que abrir un proceso para facer efectivo o incremento das taxas.