As rúas Duquesa, San Lázaro, Calvo Sotelo, San Pedro, Coruña, Chantada, Tecelanes e Ourense terán nova iluminación

O Alcalde deu a coñecer un novo proxecto para mellorar a iluminación pública en oito rúas da cidade. José Tomé detallou que “imos actuar nas rúas Duquesa de Alba, San Lázaro, Calvo Sotelo, San Pedro, Coruña, Chantada, Tecelanes e Ourense. Coas novas instalacións imos conseguir un aforro enerxético e económico do 63%”.

 

En concreto, os operarios municipais van proceder á substitución de 175 luminarias por outras novas que incorporan a tecnoloxía led, de baixo conusmo e que proporciona unha maior luminosidade. Por outra parte, en cada unha das rúas nas que está previsto actuar tamén se renovarán os cadros eléctricos.

 

Para poder acometer esta obra, o Concello de Monforte solicitou unha axuda ó Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). O investimento deste novo proxecto ascende a 103.990 euros.

 

O mandatario local destacou que “a mellora da iluminación pública era un dos compromisos deste Equipo de Goberno; de feito, xa actuamos en máis de 30 rúas da cidade e en 200 puntos de luz das parroquias”. José Tomé engadiu que “a nosa vontade é manter esta liña de traballo no que queda de mandato, nestes intres xa estamos realizando as obras de mellora que anunciamos na zona da Avenida de Galicia, rúas Sarria, Francisco Moure e Compañía”.

 

O Alcalde tamén dixo que este ano haberá novos proxectos para mellorar a iluminación pública noutras zonas da cidade.