O xulgado desestima gran parte da demanda de AQUALIA contra o Concello

A concelleira de Facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega, compareceu en rolda de prensa para informar sobre unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo  de Lugo na que se desestima gran parte da cantidade monetaria reclamada por Aqualia en concepto de desequilibrio económico da concesión.

 

Segundo comentou Mª Xosé Vega, na súa reclamación Aqualia mantiña que, entre os anos 2001 e 2005, a concesión do servizo de abastecemento de auga rexistrara un déficit de 1.500.000 €. A empresa fundamentaba a súa petición no feito de que non se tiña producido un incremento nas tarifas que  cobra á cidadanía.

 

Vega Buján dixo que, dese millón e medio de euros, o xulgado só lle recoñece á empresa 235.000 € en concepto de desequilibrio económico na xestión do servizo de abastecemento de auga.

 

A concelleira indicou que hai dúas cifras máis que elevan a reclamación de Aqualia ata os 336.00 €, pero que estas cantidades nada teñen que ver co funcionamento diario do servizo. Por unha banda, o xulgado recoñécelle á empresa a cantidade de 53.000 € en concepto de xestión de lodos e, por outra, a cantidade de 48.000 € pola realización de analíticas.

 

En canto ás analíticas, a concelleira explicou que Aqualia presentara na súa oferta a realización de análises periódicas da auga. Dixo que nestes primeiros cinco anos de concesión produciuse un cambio lexislativo que endureceu as esixencias respecto destas analíticas. A empresa xustificou a súa reclamación en que esas análises lle resultaban moito máis caras que cando presentara a oferta.

 

Mª Xosé Vega cualificou de boa noticia o feito de que o xulgado só lle recoñeza a Aqualia a quinta parte do que reclamaba. A concelleira dixo que a empresa pode recorrer a sentenza e que os avogados do Concello tamén estudan a posibilidade de facer o mesmo.

 

O que si afirmou Vega Bján é que, unha vez que apareceu a oferta de Aqualia, o Concello reclamaralle en sede xudicial todo o que lle debe dende o principio da concesión, “pediremos que cumpra co que figuraba no contrato e co que ofertou, singularmente os catro mllóns de euros dos tres primeiros anos”, manifestou a concelleira de Facenda. 

 

En definitiva, e sempre que non se recorra esta sentenza, o xulgado considera que o Concello debe pagar 336.000 € fronte ó millón e medio que reclamaba Aqualia. Desta cantidade, só 235.000 € serían en concepto de desequilibrio polo normal funcionamento da concesión.

 

Esta sentenza  non é firme por caber contra ela recurso de apelación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dentro dos quince días seguintes ó da súa notificación.