Un vagón ferroviario albergará un restaurante no centro da cidade

Un vagón cedido ó Concello pola Fundación dos Ferrocarrís de Galicia instalarase no parque dos Condes e transformarase nunha cafetería restaurante.

 

A concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, e o secretario da Fundación, Luis Blanco, explicaron en rolda de prensa os pormenores desta intervención.

 

Blanco dixo que a Fundación propuxera ó Concello a cesión do vagón para utilízalo con esta finalidade e, deste xeito, “darlle un protagonismo especial ó ferrocarril no centro dunha cidade eminetemente ferroviaria”. Para o secretario da Fundación, esta actuación contribuirá a facer moito máis visible o noso pasado ferroviario e a difundir os fondos do Museo do Ferrocarril, convertíndose nunha magnífica carta de presentación.

 

O vehículo cedido ó Concello para a súa restauración e adaptación é un vagón excedente da composición do Galaico Expreso. Segundo comentou Luis Blanco “é un coche convencional pero é o máis largo dos que se fabricaron en Europa, motivo polo que é o máis axeitado para ser transformado en restaurante”. Blanco dixo que o vagón é propiedade da Fundación, “o que libera esta cesión de moitos trámites burocráticos”.

 

Xunto con este vagón, un vehículo de caixa metálica con tódolos elementos orixinais, a Fundación dos ferrocarrís de Galicia tamén cederá ó Concello un furgón clásico de paquetería “de dimensións moito menores pero idóneo para facer as funcións de almacén e cociña”. A lonxitude total do vagón e do furgón supera os 39 metros.

 

Mª Xosé Vega salientou a identidade ferroviaria da cidade, motivo polo que considera que o centro da mesma debe contar coa presenza do ferrocarril. Vega comentou que, debido ás dimensión desta composición, “tivemos que darlle moitas voltas para atopar unha localización axeitada, decidíndonos pola zona entre o auditorio do parque dos Condes e o paseo do río”.

 

A concelleira de Promoción Económica dixo que se pretende “que sexa un espazo apetecible para a hostalería, un sitio dinámico con cabida para a información turística”. Vega comentou que o parque dos Condes “adoece no seu deseño dun quiosco de hostalería, e pensamos que o vagón cumprirá a función da difusión ferroviaria e logrará transformar o parque nun espazo máis vivible”.

 

Mª Xosé Vega falou de que a transformación do vagón deberá ser respectuosa coa historia do ferrocarril e agradeceu á Fundación a cesión do vehículo.

 

A concelleira indicou que tanto Patrimonio como a Confederación Hidrográfica son coñecedores desta iniciativa e déronlle o visto bo á mesma, “queda presentar o proxecto completo e realizar a tramitación coa Confederación”.

 

Vega Buján dixo que o vagón e o furgón instalaranse sobre raís, que haberá que facer unha rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida, e que se deixará un espazo para poñer unha terraza. A concelleira agarda que o restaurante poda estar operativo nos meses de verán.