As contas para o 2017 prevén un aumento do gasto social e máis axudas para o deporte

O Alcalde, José Tomé Roca, acompañado da concelleira de Facenda, Gloria Prada, presentou a súa proposta de orzamentos para o vindeiro 2017, unhas contas que ascenden a 12.419.839 euros e que o seu equipo de goberno levará a pleno o 26 de decembro. O rexedor destacou que se trata duns bos presupostos e que seguen a liña do 2016: “son unhas contas novidosas porque inclúen novas colaboracións e axudas. Pero sobre todo, son uns orzamentos claramente sociais e inversores”. O presuposto para o vindeiro ano increméntase en 116.000 euros, o que supón case un aumento do 1%.

 

José Tomé Roca foi debullando as diferentes partidas e, entre elas, destacou o incremento que contempla para o gasto social: “pasamos dos 801.541 euros deste ano a 850.000 euros, o que supón un 6% máis. A partida das emerxencias sociais sobe tamén de 21.000 a 30.000 euros, que se traduce un aumento de case o 43%”. Por outra parte, as contas do seu equipo de goberno tamén contemplan un aumento das axudas destinadas ós universitarios para o autobús universitario. En concreto, a idea é subilas dos 9.000 euros actuais a 12.000.

 

Outra das novidades é a creación dunha partida de 8.000 euros para adquirir novos equipos de comunicación para a Policía Local. Mentres, no apartado das asociacións sociais e culturais, a previsión é manter as axudas en 24.000 euros entre as dúas, ó igual que xa houbo este ano.

 

Plan de Redución de Vertidos

 

As contas para 2017 reservan unha partida de 134.000 euros para a anualidade do convenio que está previsto asinar coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Deputación de Lugo, e que permitirá acometer as obras previstas no Plan de Redución de Vertidos: “o obxectivo é eliminar as filtracións de auga limpa que entran na rede de saneamento e que saturan a depuradora de Piñeira”, explicou José Tomé Roca.

 

Novidades no ámbito deportivo

 

O Alcalde explicou que o borrador de orzamentos para 2017 inclúe varias novidades no apartado deportivo. Unha delas é o aumento da partida para actividades en 15.000 euros. José Tomé Roca explicou que “ese é o custe estimado que van ter os Xogos do Eixo Atlántico, que se van celebrar en Lugo, Sarria e Monforte”. Ademais, o rexedor prevé un aumento do 25% das subvencións destinadas ós clubs deportivos.

 

O mandatario local explicou que tamén se abre unha nova partida de 5.000 euros para os deportistas e que ata o de agora non existía. José Tomé Roca dixo que “eses cartos servirán para axudalos a participar en campionatos, pero aínda habería que definir ben as condicións destas axudas”.

 

Novos convenios con entidades

 

O Alcalde detallou que contempla establecer novas axudas con entidades que ata o de agora non estaban recibindo axudas do Concello. En concreto, establécese unha partida de 5.000 euros para Cáritas e outra de 2.000 euros para a Cruz Vermella.

 

José Tomé Roca apuntou que tamén se reservan 8.000 euros para as sociedades recreativas (Círculo Victoria, Fraternal e Casino Ateneo). Por outra parte, para Semente Monforte contemplase unha axuda de 2.000 euros. A mesma cantidade está prevista para destinar á Asociación de Praceiros e outros 2.000 euros para a Delegación de Hostalería.

 

Outros incrementos

José Tomé Roca destacou tamén que “subimos en máis dun 3% as partidas destinadas ás actividades culturais, dende a rede de teatros ata feira medieval. En concreto, pasamos de 97.000 a 100.000 euros”.

 

O mandatario local destacou tamén que hoxe mesmo os servizos de Intervención enviaron ás voceiras da oposición o borrador das contas para o vindeiro ano: “é a primeira vez que se entrega o documento con 15 días de antelación, nunca se fixo como nesta ocasión. Teñen tempo para poder estudialo e facer as aportacións que consideren oportuno”, apuntou José Tomé Roca.