O Alcalde proponlle ó pleno a conxelación de impostos e taxas municipais para 2018

O Alcalde, José Tomé, e a concelleira de Facenda, Gloria Prada, compareceron para dar a coñecer a proposta de ordenanzas fiscais que o Equipo de Goberno levará ó pleno do vindeiro luns, 23 de outubro, para que a corporación municipal lles dea o visto bo.

 

O mandatario local destacou que “decidimos conxelar un ano máis os impostos e as taxas para o vindeiro 2018. Só se modifica o IPC das taxas relacionadas con contratos que conlevan subas do IPC na súa facturación”. José Tomé explicou que os contratos que recollen ese incremento son os da recollida de lixo, de abastecemento de auga e a utilización da piscina municipal: “estes tres contratos foron feitos por gobernos anteriores, polo que nos limitamos a cumprir o que recollen os contratos. Todos os demais impostos e taxas municipais que non están suxeitos a un contrato, non subirán absolutamente nada”.

 

Por outra parte, o Alcalde falou das bonificacións que se contemplan en varios dos impostos municipais para fomentar a creación de empresas e, polo tanto, de postos de traballo; unhas bonificacións que se terán en conta tanto para o polígono industrial do Reboredo, como para o Porto Seco.  “En primeiro lugar, melloramos a bonificación para o Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO). Este xa prevía unha bonificación do 90% pero agora incrementámolo ata o 95%”, indica José Tomé.

 

Bonificacións do IBI e no IAE

 

Cómpre destacar que a proposta do Equipo de Goberno inclúe, por vez primeira, bonificacións no Imposto de Bens Inmobles (IBI) e no Imposto de Actividades Económicas (IAE). En ámbolos dous casos será de ata o 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo. No caso de que se dea emprego a entre 11 e 20 persoas, esa bonificación vaise situar no 75%. Finalmente, será do 50% cando se creen ata 10 postos de traballo.

 

O Alcalde explicou que “estas bonificacións de carácter fiscal manteranse para cada nova empresa durante 3 exercicios orzamentarios. Con estes datos situámonos no nivel de calquera concello galego que bonificación ofreza”.

 

José Tomé adianta que “tamén propoñemos modificar o calendario fiscal para adecualo ás datas do vindeiro 2018”. No caso de vehículos, o período de pago será entre o 13 de abril e o 14 de xuño. Para o IBI irá dende o 3 de agosto (no primeiro prazo do 60%), ata o 3 de outubro. E o 4 de decembro para o restante 40% do segundo prazo.

 

O do IAE empezaría o 16 de agosto e ata 17 de outubro .