As obras de mellora da rúa Santo Domingo comezarán en agosto

28 de xuño de 2018. A rúa Santo Domingo terá un novo firme antes de que remate este ano. O Alcalde, José Tomé, anunciou que en agosto comezarán os traballos nesta vía que forma parte do conxunto histórico da cidade: “imos actuar nesta rúa debido ó importante estado de deterioración que presenta, pero tamén porque se trata dunha rúa ubicada nun lugar estratéxico do casco histórico, que comunica a parte alta da Praza de España coa igrexa da Régoa, coa porta da Alcazaba, e que conduce cara o Campo da Virxe e cara ó conxunto monumental de San Vicente. Polo tanto, con esta actuación imos contribuír a mellorar a imaxe de Monforte”.

O mandatario local engadiu que “un dos obxectivos deste Equipo de Goberno era realizar unha mellora integral das rúas, tanto no rural como no urbano, pero a maiores, era preciso renovar as rúas do casco histórico, como xa fixemos coa rúa do Conde. De feito, a previsión de cara ó vindeiro mandato, se os cidadáns volven darnos a súa confianza, é actuar na rúa Santa Clara”.

A actuación prevista consiste na colocación dun novo pavimento de pedra granítica de 10 centímetros de espesor. Unha vez rematado este paso, vaise proceder ó realce de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros  ata o novo nivel do pavimento.

José Tomé sinalou tamén que as obras están planificadas para interferir o mínimo posible no desenvolvemento das actividades do colexio Torre de Lemos.

Este proxecto vaise financiar con cargo ó Plan Único da Deputación Provincial de Lugo e tamén cunha aportación municipal. O presuposto de licitación ascende a 156.980 euros.

O prazo de execución dos traballos é de dous meses. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de xullo. A mesa de contratación será uns días despois, o 26 de xullo.