O Concello incrementa máis dun 55% as axudas do autobús para universitarios e alumnos de ciclos de formación

14 de setembro de 2018. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un novo incremento das subvencións destinadas ó transporte dos universitarios e dos alumnos ciclos de formación que teñan que desprazarse fóra de Monforte. En concreto, o Equipo de Goberno decide subir de 12.000 a 14.000 euros o importe destinado a estas axudas durante o curso 2018-2019. Cómpre destacar que este é xa o segundo aumento que se aplica nesta partida dende que José Tomé chegou á Alcaldía.

O mandatario local explica que “ata o ano 2016 as arcas municipais destinaban 9.000 euros ás subvencións para universitarios e alumnos de ciclos formativos en Monforte. En 2017 decidimos aumentar esa cantidade en 3.000 euros e situala nos 12.000 euros; e neste ano consideramos que a cifra debe ser de 14.000. Polo tanto, en tan só dous anos, incrementamos en 5.000 euros esta partida, o que se traduce nunha suba de máis do 55%”.

José Tome engade que “con estas subvencións pretendemos axudar ás familias da nosa cidade, facemos esta aportación para que os alumnos vexan reducido o importe do seu custe de transporte. As axudas tamén son un instrumento que fan posible o principio de igualdade de oportunidades e, por outra parte, tamén contribuímos á eficiencia educativa”.

Ademais, O Alcalde destaca que “como persoa que profesionalmente pertenzo ó mundo do ensino, considero que a educación dos nosos rapaces e rapazas é un obxectivo fundamental, para que os xóvenes acaden unha formación que lles permita acadar o seu proxecto de vida”.

Beneficiarios das axudas

Poden acceder a estas axudas os alumnos de ensinanzas universitarias adaptadas ó Espazo Europeo de Educación Superior; así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e bacharelato que teñan que desprazarse fóra do municipio. Iso si, é preciso que estean empadroados no Concello de Monforte.

As axudas da administración municipal son compatibles coas concedidas por outras administracións ou entidades privadas; sempre e cando o importe total das axudas non supere o gasto total.

Para determinar o importe sa subvención, teranse en conta a renda per cápita anual e a situación laboral dos membros da unidade familiar. En concreto, quedarán excluídas aquelas rendas familiares que superen os 12.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o día seguinte á publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e ata o 31 de outubro de 2018.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello.