Teatro este xoves en Monforte coa obra “30 e tantos ósos” de Aporía Escénica

Monforte de Lemos, 11 de marzo de 2019. O teatro volverá ser protagonista esta semana da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura e Igualdade de Monforte, e enmarcada ademais dentro das actividades que o Centro de Información á Muller (CIM) organizan arredor do 8M. Deste xeito, o vindeiro xoves día 14 terá lugar a quinta das seis representacións do ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Así, a obra que se poderá ver no Edificio Multiusos do Concello será “30 e tantos ósos” a cargo da compañía Aporía Escénica. A representación dará comezo ás 20:15 horas e o prezo da entrada xeral será de cinco euros, mentres que para estudantes, desempregados e xubilados será de tres euros.

A seguinte cita, que será a última deste ciclo da Rede Galega de Teatros, celebrarase o  xoves 11 de abril. No mesmo escenario, o edificio Multiusos, terá lugar a representación da obra “O caso é ter saúde” da compañía Malasombra a partir das 20:15 horas.