O Alcalde presenta o Programa Oficial do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Monforte de Lemos, 21 de xuño de 2019. Os días 5, 6 e 7 de xullo, a cidade de Monforte acollerá por terceiro ano consecutivo a celebración do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte”. Unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que viran en torno ao viño, o auténtico protagonista do festival.

Na mañá de hoxe, José Tomé Roca, Alcalde de Monforte presentou, acompañado por Gloria Prada, Tenente de Alcalde do Concello e José Luís Losada, concelleiro de Servizos, o programa oficial do Festival, que se condensa nun tríptico informativo no que se detallan todas as actividades en torno ó Festival, así como as adegas participantes.

Neste senso, cabe destacar, na edición deste ano, a participación de 25 adegas da D.O. Ribeira Sacra. Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.

 

Uns viños que son moito máis que viño

O “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte” é un evento destinado a público de todas as idades, onde poder descubrir e sentir a Ribeira Sacra ra través da súa paisaxe, gastronomía, tradición ou talleres de olería de Gundivós, un oficio centenario en perigo de extinción.

O 5, 6 e 7 de xullo os viños da D.O. Ribeira Sacra serán os auténticos protagonistas xa que eles son o verdadeiro vehículo capaz de unir historia, tradición e cultura e na que o visitante vivirá unha experiencia inesquecible.

As ViñoRutas, permitirannos viaxar ó lugar de orixe onde contemplar o nacemento do froito e descubrir os encantos dos ríos que bañan as ladeiras. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa “viticultura heroica”.

Chegada a noite, a Praza de España acollerá 3 actuacións musicais na madrugada dos días 5 e 6 de xullo. Excelente escenario para mostrar o talento dos grupos de músicos e músicas de Galicia, con propostas que van desde a danza tradicional contemporánea ata o rock, pop ou folk.

Participantes dentro do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.

As 25 Adegas participantes nesta 3º edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte son:

  1. Algueira
  2. Peza do Rei
  3. Ponte da Boga
  4. Abadia da Cova
  5. Alma das Donas
  6. Lucenza
  7. Atrium Vitis
  8. Rectoral de Amandi
  9. Petrón
  10. Don Bernandino
  11. Adega Vella
  12. Condado de Sequeiras
  13. Instinto Romano
  14. Pilares de Belesar
  15. Rectoral de Gundivós
  16. Guímaro
  17. Viña Vella
  18. Tolo do Xisto
  19. Malcavada
  20. Tear
  21. Coronin
  22. Ciudáseis
  23. Regina Viarum
  24. Finca Millara
  25. Vía Romana

 

Ademais, contaremos con 5 stands de Gastronomía con produtos da comarca:

  • “Queixo de cabra SCG”
  • “Queixo negro Buleri”
  • “Casa Neiras. Alimentación tradicional.”
  • “Xamóns D. Francisco”, pertencente á Asociación Nacional Cortadores de Xamón.
  • E tamén establecementos asociados á asociación E para comer Lugo. Serán 3 os establecementos de restauración de Monforte que participarán: “Tapería Centro do Viño”, “Garden Jungle Bar” e “Restaurante MC”.

 

- A Artesanía estará presente a través de 4 stands:

  • “Alfarería Elías González. Reitoral de Gundivós”.
  • “Olería Tradicional da Ribeira Sacra. Figulus”.
  • “Contos. Artesanía e Cerámica”.
  • “Tenda en Lá. Artesanía”.

 

Por outra banda, destinados ós máis pequenos terán lugar 5 Obradoiros infantís:

  • 2 obradoiros de Contacontos, con Anxo Moure e Brais Moure.
  • 2 obradoiros a cargo de  “Velaisca Animación”.
  • 1 obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra a cargo de “Figulus. Olería de Gundivós.”

 

As ACTIVIDADES ESPECÍFICAS por días que terán lugar dentro do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte son as seguintes:

Actuacións musicais na Praza de España:

Venres 05 de Xullo:

23:00 h.- “Nova Galega de Danza”, grupo que fusiona en vivo danza e música de raíz galega, tradición e vangarda con vocación universal.

00:30 h.- Grupo musical “Habelas Hainas”: son 4 mulleres cunha ampla traxectoria musical propóñennos música de raíz galega cun son enérxico, fresco e orixinal.

 

Sábado 06 de Xullo:

23:30 h.- “The Teta`s Van”. Revolución en feminino. Artistas e malabaristas, profesores, estudantes, nais, irmás, tías e amigas que buscan a diversión e a felicidade a través das notas e da nosa lingua galega.

 

Obradoiros  infantís

Celebraranse no Paseo do Malecón e os seus horarios son os seguintes:

Sábado 06 de Xullo:

12:00 a 14:00 h.- “Olería Tradicional da Ribeira Sacra – Figulus”.

18:00 a 19:00 h.- “Velaisca Animación”. Desenvolverán o obradoiro “Descórchate” no que se empregarán materiais relacionados co mundo do viño como é a cortiza.

19:00 a 20:00 h.- Taller Tradicional de Contacontos a cargo de Anxo Moure.

Domingo 07 de Xullo:

12:00 a 13:00 h.- Taller Tradicional de Contacontos a cargo de Brais Moure.

13:00 a 14:00 h.- “Velaisca Animación”. Neste caso, desenvolverán un obradoiro sensorial baixo o título “Os Sentidos da Ribeira Sacra”, no que os rapaces e rapazas que participen conectarán cos aromas da Ribeira Sacra e das nosas uvas.

 

O PROGRAMA OFICIAL do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte será o seguinte:

TRIPTICO_Festival_do_Vino_da_Ribeira_Sacra_Monforte_2019.pdf

 

Venres 05 de Xullo

18:00 h - Apertura dos stands.

18:30 h - Acto de inauguración do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019”

23:00 h - Actuación de “Nova Galega de Danza”

00:30 h - Concerto de “Habelas Hainas”

 

Sábado 06 de Xullo

11:30 h. - Apertura dos stands.

12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra - Figulus.

18:00 a 19:00 h.- Taller Velaisca Animación. “Descórchate”.

19:00 a 20:00 h.- Taller Tradicional. Contacontos. Anxo Moure.

23:30 h.- Concerto “The Teta`s Van”

 

Domingo 07 de Xullo

11:30 h- Apertura dos stands.

12:00 a 13:00 h.- Taller Tradicional. Contacontos. Brais Moure.

13:00 a 14:00h. Velaisca Animación. Taller Sensorial. “Os Sentidos da Ribeira Sacra”.

14:00 h - Peche do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019”

 

VinoRutas

Ideadas para desenvolver dentro do Festival do Viño, presentamos 5 rutas para esta edición:

  • 2 rutas polo río Miño.
  • 2 rutas polo río Sil.
  • 1 ruta por Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra.

Nelas combínanse as visitas a adegas xunto cos mosteiros románicos, miradoiros sobre o Canón do Sil e o río Miño, rutas fluviais, artesanía e por suposto monumentos emblemáticos da cidade de Monforte de Lemos así como a historia, lenda e tradicións da Ribeira Sacra.

En concreto os horarios das VinoRutas son os seguintes:

 

Venres día 5 de xullo

1. VinoRuta do río Miño: ”De Río e de Pedra”.

As 9:30 h comezarémola viaxe dende Monforte para visitar a Igrexa Románica de San Paio de Diomondi, un dos exemplos máis representativos do esplendor da arte románica compostelá.

Posteriormente, realizaremos unha interesante ruta, “Os Codos de Belesar”, un percorrido de gran valor paisaxístico que define perfectamente o que é a Ribeira Sacra: "Románico, viñedos e adegas".

As 11:30 h. disfrutaremos navegando polo Río Miño.

As 13:30 h visitaremos a Adega Pilares de Belesar e ó rematar voltaremos ó Paseo do Malecón, epicentro do Festival do Viño.

 

2. VinoRuta do río Sil. “De Viño e de Tradición”

As 16:30 h. comezaremos a viaxe para coñecer un oficio centenario como é a Olería tradicional de Gundivós.

Ó rematar, visitaremos as adegas Ponte da Boga e Adega Vella, na Abeleda e Castro Caldelas, para disfrutar dunha cata comentada e visitar os viñedos rematando a ruta no Miradoiro de Soutochao, parroquia de Doade, antes de voltar ó Paseo do Malecón.

 

3. VinoRuta Monforte de Lemos. “Unha Historia en Pedra”.

As 09:30 h comezaremos a visita ó Conxunto Monumental e defensivo de San Vicente do Pino reconstruído no S. XV. A continuación percorreremos a vella poboación intramuros, un espazo cheo de misterio no que habitaban os xudeos na Idade Media.

Continuaremos coa visita ó museo do “Centro do Viño da Ribeira Sacra” para realizar unha cata comentada.

Coñeceremos a historia das casas señoriais e a ponte medieval e visitaremos o Colexio de Nosa Sra. da Antiga, o legado máis valioso deixado pola Compañía de Xesús en Galiza.

A continuación un paseo en barca tradicional polo Río Cabe poñerá fin a esta ruta.

 

Sábado día 6 de xullo:

4. VinoRuta do Miño. “Camiñando entre Viñas”.

As 9:30h comezaremos o camiño con destino ó “Cabo do Mundo”, un fermoso meandro do Río Miño, no que visitaremos os viñedos da adega “Abadía da Cova” e realizaremos unha cata comentada.

A continuación desprazarémonos ó Pazo de Arxeriz, no Saviñao, e visitaremos a Igrexa románica de S. Miguel de Eiré.

Para rematar, coñeceremos a historia da adega máis antiga de Galiza fundada no ano 1692, Casa Moreiras, e emprenderemos o regreso ó Paseo do Malecón.

 

5. VinoRuta do Sil. “Sentindo Ribeira Sacra”.

As 16:30h. achegarémonos á parroquia de Doade para visitar a Adega Algueira, un escenario de tranquilidade e calma. Continuarémola ruta ata deternos nun Miradoiro que desafía a gravidade sobre o Río Sil.

Unha vez que cheguemos ó embarcadoiro, desfrutaremos navegando polo Canón do Sil e finalmente emprenderemos o regreso ó Paseo do Malecón para percorrer o “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte”.

 

Logo de detallar o Programa ós medios de comunicación presentes na roda de prensa, José Tomé Roca quixo ter “un agradecemento especial ás adegas que van estar presentes no Festival, polo seu compromiso coa difusión e coa promoción do noso viño e do noso entorno natural, igualando o número de participantes que se deron na pasada edición con 25 adegas, xa que na primeira edición estiveran presente 20 adegas.”

 

Do mesmo xeito, resaltou que “previsiblemente, e con todas as cautelas, o tempo vainos acompañar, que xunto coa difusión que vimos facendo,  estamos convencidos de que vai ser un excelente Festival, para promocionar o viño da Ribeira Sacra, promocionar a propia Ribeira Sacra e tamén promocionar a Monforte”.