A obra “Sénior” do Grupo Culturactiva, este xoves en Monforte, dentro da Rede de Teatros e Auditorios

Monforte de Lemos, 9 de decembro de 2019. O salón de actos do Edificio Multiusos de Monforte acollerá este xoves 12 de decembro ás 20:15 horas, a representación teatral da obra “Séniora cargo do Grupo Culturactiva. Esta obra é a quinta e derradeira das representacións que a Delegación de Cultura do Concello de Monforte programa no último trimestre de 2019 na nosa cidade, dentro das actividades da Rede Galega de Teatro e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. A peza está dirixida a público adulto e a entrada costa 5 euros, sendo de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

A obra está dirixida por Avelino González e conta cun elenco artístico de Luis Iglesia e Marcos Orsi.

Sénior, un espectáculo cómico sobre a crise dos 50.

Trátase dunha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade. Cando se abandona a madurez e se comeza a ser sénior? Estamos realmente aviad@s para os retos e problemas que se nos botan enriba ao cumprir o medio século? E, sobre todo, estamos preparad@s para ser vell@s?

Iglesia e Orsi rin de si mesmos ante nós.

Cunha comicidade sinxela e directa, na que doadamente se verá identificada a audiencia, e apoiada nun texto enxeñoso de creación propia, Sénior permitiranos rir das situacións máis cotiás, de divertidas anécdotas que, seguramente, moit@s de nós chegamos a vivir e de escenas que só se poden vivir, gozar e padecer a partir dos 50 anos.

Grandes dilemas do sénior: visto como o meu fillo ou como o meu pai? Estou enfermo ou só me fago vello? Porque van todos como tolos nos coches? Isto da idade ten algún remedio?... Ducias de preguntas que este espectáculo non resolverá, pero que son a escusa perfecta para pasar un momento entretido.