O Alcalde visita ás participantes nas xornadas Xira Mulleres no Centro Cívico de Monforte

Monforte de Lemos, 5 de marzo de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, achegouse na mañá de hoxe ata o Centro Cívico para saudar e dialogar coas mulleres rexistradas nas xornadas Xira Mulleres: “Encontra a túa ruta”, que deron comezo onte e teñen continuidade ao longo de todo o día de hoxe, xornadas dirixidas a mulleres de 18 a 60 anos, tanto de Monforte como de toda a comarca.

Neste acto, o Alcalde e Presidente da Deputación, entidade que colabora con estas xornadas, do mesmo xeito que o propio Concello de Monforte, estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e Ana Vallejo, profesora de Alma Natura que desenvolve ditas xornadas.

 

Na súa intervención, o rexedor municipal destacou a importancia de levar a cabo xornadas como esta a fin de loitar contra “as actitudes machistas e de violencia de xénero que desgraciadamente seguen estando presentes na nosa sociedade e que son unha lacra”.

Por iso, agradeceu a proposta da Fundación Coca Cola e de Alma Natura, a cal “decidimos apoiar tanto desde o Concello como desde a Deputación Provincial, xa que estas xornadas organízanse en cinco concellos ao longo de toda a provincia, co obxectivo de favorecer a igualdade real entre mulleres e homes en todos os ámbitos, tanto social como económico e laboral”. Deste xeito, os concellos de Monforte, Viveiro, A Fonsagrada, Cospeito e Guitiriz acollen estas xornadas nas que se forman medio centenar de mulleres. En Monforte, son 24 as mulleres que se inscribiron nestas xornadas.

Tras as súas palabras, Tomé Roca aproveitou a ocasión para establecer un diálogo coas mulleres que desde onte participan nestas xornadas, as cales manifestaron a súa satisfacción polo bo funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM), e por iniciativas como esta, moi necesarias para loitar pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres, e para traballar na prevención da violencia machista a través da formación e a educación.