O Concello de Monforte rende homenaxe a Consuelo Alonso González, represaliada e fusilada polo réxime franquista en 1938

Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2020. O Concello de Monforte rendeu, na mañá de hoxe, unha sentida homenaxe a Consuelo Alonso González, nun acto no que estivo a súa familia e no que se recordou a súa figura como muller loitadora e comprometida coas súas ideas. Unha muller que foi , represaliada e fusilada polo réxime franquista en maio de 1938.

A homenaxe estivo presidida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, no que tamén participou a profesora, escritora e doutora da Universidade de Santiago, a doutora María Jesús Souto Blanco, que foi quen investigou a figura de Consuelo Alonso González. Do mesmo xeito, tamén estiveron presentes as dúas netas de Consuelo Alonso, Pilar Centeno Pérez , que veu dende Cádiz, acompañada polo seu marido e a súa filla (bisenta de Consuelo) e Pilar Pérez López, procedente dende Barcelona e acompañada por 4 bisnetos da homenaxeada. O Alcalde agradeceulles a todos eles a  “súa presencia hoxe aquí pois sabemos o esforzo que fixeron para acudir a este acto.”

Na homenaxe estiveron tamén diversos membros da Corporación Municipal, habendo representantes de todos os partidos que forman dita corporación, e tamén estivo presente a parlamentaria monfortina Concepción Burgo.

Esta homenaxe foi posible gracias ó traballo de investigación desenvolto pola doutora Souto, que contactou co Equipo de Goberno do Concello para dar a coñecer a figura desta muller represaliada. E logo contar coa conformidade da súa familia e da súa dispoñibilidade para poder acudir a este acto, dende o Concello decidiuse levar a cabo esta homenaxe facéndoa coincidir, en verbas do Alcalde, “ coa véspera do día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, polo que este recoñecemento a Consuelo cobra aínda maior importancia se cabe”.

  

Muller represaliada e fusilada polo réxime franquista

O Alcalde iniciou a súa intervención destacando que “hoxe reunímonos neste Salón de Plenos do Concello de Monforte para render homenaxe a unha muller que foi veciña desta cidade nos anos 30 do pasado século, e que foi represaliada e executada polo réxime franquista, por defender as súas ideas, o 13 de maio de 1938”.

Consuelo Alonso González, si ben era natural de Xixón, chegou a Monforte acompañada polo seu marido, Ángel Pérez Muñoz, quen tomou posesión do cargo de alguacil do xulgado de Monforte, en novembro de 1930.

Tanto Consuelo como o seu marido, pronto amosaron as súas inquedanzas políticas, e xa en 1933 comezou a ser encausada e condenada en varias ocasións, por expresar as súas ideas.

Consuelo Alonso foi unha persoa moi comprometida social e politicamente coas súas ideas, e moi mal vista polas autoridades da época.

No ano 1936, prodúcese en España o alzamento militar do xeneral Franco. A cidade de Monforte foi un dos municipios da provincia de Lugo que se opuxo a esta sublevación militar. Neste aspecto, tal e como describe a doutora Souto nos seus artigos, o potente colectivo de ferroviarios era quen encabezaba as movilizacións, xunto a albaneis, zapateiros, carpinteiros e incluso funcionarios municipais.

Co inicio da sublevación militar, Consuelo foi represaliada pola Falange que a detivo, castigou e rapou o pelo. O 29 de decembro de 1937 foi denunciada ante a Jefatura de Investigación e Vigilancia de Monforte, e ese mesmo día ingresou na prisión da cidade.

O 9 de febreiro de 1938 foi conducida a Lugo para ser xulgada en Consello de Guerra. Permaneceu no cárcere provincial ata o 13 de maio de 1938, día en que foi fusilada. Tiña 40 anos e 4 fillos.

Tomé Roca salientou que “Consuelo Alonso González morreu por defender as súas ideas, por defender a liberdade, nunha época na que alzar a voz pagábase moi caro.”

Tanto o Alcalde como a doutora Souto resaltaron nas súas intervencións que Consuelo Alonso foi a única muller executada oficialmente na provincia de Lugo nesta época. En Galicia, so oubo outro caso en Ferrol, o de Amada García Rodríguez.

Por iso, concluíu o Alcalde “dende o Equipo de Goberno que eu presido, cremos que é tan necesaria a homenaxe que hoxe lle rendemos en Monforte a Consuelo. Porque os monfortinos e monfortinas deben saber que unha veciña da nosa cidade foi executada inxustamente por defender aquelo no que cría. E creo ademais que non podemos nin debemos esquecer o que supuxo a ditadura franquista, o que foi a represión neste pais. Non pode ser que unha persoa que deu a súa vida pola liberdade e a democracia sexa esquecida.”

O Alcalde tamén anunciou que “para que este recordo permaneza vivo no tempo e dado que Consolo foi veciña de Monforte e viviu na rúa Abelardo Baanante, será colocada unha lousa conmemorativa de granito no chan de devandita rúa cun texto que recorde a Consolo e permaneza vivo no corazón dos monfortinos”.

Tras as intervencións, o Alcalde obsequiou cunha Torre da Homenaxe da cidade ós familiares de Consuelo Alonso e con libros da cidade e da Ribeira Sacra. E fixo entrega dun ramo de frores á doutora Souto.

Tras o acto institucional no concello, familiares e autoridades desprazáronse ata o número 24 da rúa Abelardo Baanante para coñecer a casa onde viviu Consuelo Alonso, moi preto da igrexa da Regoa.