O Alcalde inaugura o VIII Rally Turístico Terras do Incio que parte por primeira vez de Monforte para percorrer a Ribeira Sacra e a provincia

Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe a oitava edición do Rally Turístico Terras do Incio, sendo así a primeira vez que a cidade de Monforte acolle a etapa inaugural do que é un dos eventos do motor clásico máis asentado na provincia de Lugo, na comunidade galega e un dos máis importantes de España. Do mesmo xeito, tamén por primeira vez, todo o percorrido deste Rally discorrerá integramente pola provincia de Lugo.

No acto inaugural o Alcalde e tamén Presidente da Deputación de Lugo, estivo acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, pola Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, así como polos organizadores deste evento, Andrés Castro e Pilar Debelius.

Esta nova edición terá lugar dende hoxe día 8 de xullo e ata o martes día 14 e reúne a 24 coches clásicos que, para esta xornada inaugural chegaron a Monforte arredor das 11 da mañá e aparcaron na explanada da Compañía, diante do edificio dos Escolapios.

Na súa intervención, José Tomé Roca deu a benvida ós participantes a Monforte, destacando que   “ademais de descubrir a importante riqueza patrimonial e artística da nosa cidade, o encanto das súas rúas históricas e a hospitalidade das súas xentes, tamén percorreredes un enclave único pola súa extensión e beleza, como é a Ribeira Sacra”.

O rexedor municipal recordou que a Ribeira Sacra é finalista á declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, “un recoñecemento que estou seguro de que vai conseguir o vindeiro ano 2021, como tamén aspira á declaración de Reserva da Biosfera. Por iso, quero pedirvos que dende hoxe sexades embaixadores das nosas terras, que difundades o seu encanto e a súa beleza, pois así unirédesvos ó noso proxecto común de acadar este prestixioso recoñecemento, algo que estou seguro que conseguiremos entre todos”.

O tamén Presidente da Deputación agradeceu a labor dos organizadores desta iniciativa por conseguir sacar adiante unha edición máis do Rally Turístico Terras do Incio “a pesar da situación que estamos a vivir ocasionada pola crise sanitaria da Covid-19”. Neste senso, Tomé Roca informou a un cambio no programa do Rally xa que, debido ás especiais circunstancias derivadas da crise sanitaria do COVID-19 que obrigaron nestes días ó peche da zona norte de Lugo, a comarca da Mariña, os vehículos non transitarán por esta zona. “Pero a pesar deste contratempo propiciado polo Coronavirus,  os lugares que ides percorrer e disfrutar polo resto da nosa provincia creo que non vos van defraudar. E, cando as circunstancias o permitan, recoméndovos visitar a Mariña Lucense”, animou así o Alcalde ós participantes.

Co fin de que este evento se desenvolva garantindo as máximas condicións de seguridade e saúde, dende a organización do mesmo limitouse o número de vehículos, confirmáronse os protocolos de seguridade cos establecementos hoteleiros así como cos restaurantes e comunicáronse as medidas a seguir a todas e todos os participantes no Rally.

Tomé Roca destacou que este evento do motor tivo desde a primeira edición, celebrada no 2013, unha gran acollida “xa que amosa a todas e todos os participantes a riqueza da nosa unha gran acollida xa que amosa a todas e todos os seus participantes a riqueza da nosa terra, e, ó mesmo tempo, contribúe a dinamizar a nosa economía, en especial a dos sectores hostaleiro e comercial”.

O Rally conta tanto co apoio do Concello de Monforte como da Deputación de Lugo, porque favorece a proxección da cidade do Cabe, da Ribeira Sacra e da provincia e porque dinamiza sectores estratéxicos para a economía lucense, como son o comercio e o turismo. “Se a dinamización turística e económica sempre foi importante para nós, agora o é moito máis pola difícil situación que atravesan estes sectores a raíz da pandemia”, resaltou o Alcalde.

Ademais de Monforte e da Ribeira Sacra, os participantes neste Rally Turístico tamén visitarán a Serra do Courel, as terras do Incio, a cidade de Lugo, a Terra Cha, Meira, Portomarín ou Vilalba, para disfrutar do rico patrimonio paisaxístico, patrimonial, gastronómico e cultural da provincia de Lugo.

Tras a súa intervención, o Alcalde obsequiou ós participantes coa Guía Turística e Rueiro oficiais do Concello de Monforte, cun libro sobre o poeta chairego Manuel María, tamén veciño de Monforte e que foi homenaxeado en 2016 no día das Letras Galegas, así coma cun kit para prevención ante o COVID-19 composto por unha mascarilla sanitaria e dous sobres de xel hidroalcohólico.

Na xornada de hoxe está previsto que os participantes no VIII Rally Turístico Terras do Incio desprazaranse en autobús para visitar os viñedos da Ribeira Sacra, o Miradoiro do Duque e facer unha viaxe en catamarán.

Mentres, os vehículos protagonistas do Rally Turístico permanecerán aparcados na explanada da Compañía para que poidan ser visitados polos monfortinos ata as 19:00 horas. A continuación desprazaranse ata o Museo de Ferrocarril onde terá lugar a última visita do día. Na xornada de mañá visitarán a Serra do Courel e as Terras do Incio.