O teatro volve a Monforte este xoves con Bernarda, da compañía Malasombra Producións

Monforte de Lemos, 13 de outubro de 2020. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no último trimestre do ano 2020, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo semestre de 2020 en Monforte de Lemos, este xoves 15 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Bernarda, da compañía Malasombra Produccións, obra de Jose Prieto e interpretada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

Sinopse

“Bernarda” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todos coñecemos no noso entorno a alguén como Bernarda, e todos temos un pouco de Bernarda no noso interior, porque ese choque xeracional entre pais e fillos é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos vemos a realidade de forma totalmente diferente.

Cando somos fillos queremos rachar coas normas que nos impoñen, e cando somos pais vémonos na obriga de ser nós os que as impoñamos, polo seu ben, e ese choque entre xeracións que conviven na mesma casa é inevitable.

Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en “BERNARDA”, por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en “BERNARDA” demos en chamarlle, humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.

Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala.

Bernarda, ó quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as “malas” influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda non entende a música yeyé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa intención é moi clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Chola a it girl da compañía ArtesaCía que terá lugar o xoves 29 de outubro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.