As contas do Equipo de Goberno para 2019 prevén un aumento do gasto social, máis axudas para o deporte e para a cultura

19 de novembro de 2018. O Alcalde, José Tomé, acompañado da concelleira de Facenda, Gloria Prada, presentou a súa proposta de orzamentos para o vindeiro 2019, unhas contas que ascenden a 12.849.221’06 euros; o que supón un incremento do 1’75% respecto do ano anterior. O mandatario local destacou que “as contas para o vindeiro ano teñen un marcado carácter social, aumentan o gasto en cultura e en deportes”.

 

José Tomé fixo un repaso das diferentes partidas e, entre elas, destacou o incremento que contempla para o gasto social: “a partida da axuda a domicilio pasa de 1.050.000 euros a 1.171.322, o que representa un 11’5% por cento máis. Por outra parte, e posto que a situación económica aínda é difícil para moitas persoas, tamén aumentamos a partida de emerxencias sociais, de tal xeito, que pasa de 35.000 a 45.000 euros, un aumento de case o 29%”. Ademais, mantense a partida para as asociacións sociais e para axuda ó autobús dos estudantes universitarios. O rexedor apuntou que dende o ano 2015, o investimento das arcas municipais destinado ó gasto social incrementouse en 400.000 euros por ano.

 

 

A partida prevista para as Festas Patronais será a mesma dos 4 anos de mandato, que ascende a 180.000 euros, e tamén se mantén a partida de 17.500 euros para axuda ás festas dos barrios e das parroquias.

 

No apartado deportivo, a proposta de orzamentos inclúe un incremento de, aproximadamente, 50.000 euros:

 

•   10.000 euros para mellorar a cuberta da piscina municipal e suprimir as humidades

•   25.000 euros para cubrir os gastos dos Xogos do Eixo Atlántico, que se van celebrar na cidade portuguesa de Braga

•   14.292’50 euros destinados ós clubs e entidades deportivas, que é o cuarto 25% que falta para cumprir o compromiso de duplicar as axudas ó deporte que había en 2015.

 

“Proba do noso compromiso co deporte é que para o 2019 as subvencións os clubs ascenden a 107.760 euros, mentres que o anterior goberno municipal, en 2015, destinou a este apartado algo menos de 52.000 euros, o que é menos da metade”, matizou José Tomé.

 

A proposta de orzamentos inclúe tamén unha partida de 5.000 euros para axudas a deportistas individuais, así como diversas subvencións para trofeos e organización de eventos.

 

Polo que respecta á área de cultura, tamén aumenta o orzamento en máis de 27.000 euros. Parte desta cantidade, concretamente 12.000 euros, serán para actividades culturais e para a  Feira Medieval, os outros 15.000 euros irán destinados á adquisición de medios técnicos para o edificio Multiusos e o Conservatorio municipal.

 

Polo que respecta a outras entidades, mantemos as seguintes axudas:

 

CCU………………10.000 euros

Clarisas……………3.000 euros

Náufragos do Paradiso……3.800 euros

Fancine de Lemos…………..3.000 euros

Cine Club A Calexa…….. 1.500 euros

Museo Ferrocarril……………8.000 euros

Cáritas…………………….5.000 euros

Cruz Vermella……………..2.000 euros

Semente Monforte…………….2.000 euros

Asociación Placeiros……………2.000 euros

Asociación Hosteleiros………….2.000 euros

 

“Apelo á responsabilidade dos grupos da oposición”

 

O Alcalde, José Tomé, manifestou as súas dúbidas sobre as posibilidadades de que a súa proposta de orzamentos saia adiante: “sabemos que será difícil que se aprobe este presuposto, porque hai menos dun mes votaron en contra de conxelar as taxas e os impostos e votaron en contra de reducir ó 50% as taxas do cemiterio”.

 

Tomé apuntou que “independentemente de todo isto, nós cumprimos co noso compromiso, serán os grupos da oposición os que teñan que explicar porqué se opoñen a uns orzamentos que son positivos para que Monforte siga avanzando, como vén facendo nestes 3 últimos anos”.

 

O rexedor destacou tamén que esta é a primeira vez en 24 anos, que un Equipo de Goberno de Monforte presenta durante 4 anos seguidos os seus presupostos en tempo e forma.

 

Por primeira vez en moitos anos non se vai pedir ningún crédito bancario, porque a pretensión do Goberno municipal é de rematar o 2019 con débeda 0, é dicir, que o Concello de Monforte non deba nin un euro ós bancos, e polo tanto, os monfortinos seremos cidadáns sen débeda pública.

 

“Esperamos que o resto dos grupos municipais fagan un exercizo de responsabilidade e permitan aprobar un orzamento que é moi positivo para Monforte”, afirmou o mandatario local.