A Confederación Hidrográfica, reparará a principios de ano o derrubo da rúa Doutor Fleming, tras unha petición por parte do Alcalde de Monforte

Monforte de Lemos, 21 de decembro de 2019. O pasado día 12 de decembro, a forza da auga do regueiro das Malloadas socabou a cimentación da rúa Doutor Fleming de Monforte. Isto provocou que cedera parte da estrada e fixo que, en verbas do Alcalde da cidade, José Tomé Roca, “co informe de dos técnicos de urbanismo e da policía municipal, vímonos obrigados a cortar a rúa, deixando só paso para a xente”.

Na mañá de hoxe, o Alcalde, acompañado polo Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, visitaron a zona do derrube e fixeron unhas declaracións ós medios de comunicación nas que anunciaron a declaración como “obra de emerxencia” sobre dita rúa, o cal permitirá axilizar os trámites para o seu arranxo inminente.

Neste senso, o rexedor municipal indicou que “tan pronto como sucedeu este derrubo, puxémonos en contacto coa Confederación Hidrográfica, para darlle unha solución rápida que permitiu axilizar os trámites para levar a cabo canto antes os traballos de reparación, o cal teño que agradecer ó seu Presidente”.

Pola súa banda, José Antonio Quiroga salientou que “dende a Confederación acollemos a petición do Concello de Monforte diante desta eventualidade provocada pola climatoloxía e declaramos a obra de emerxencia, co fin de axilizar os trámites para a súa reparación”.

Así, o presidente da Confederación indicou que si a climatoloxía o permite “empezaremos a traballar nos primeiros días de xaneiro coa instalación dunha escolleira que permita repoñer o firme e volver restituír os paramentos e o murete desta rúa”.  

O orzamento estimado de esta obra, debido ó seu carácter de emerxencia, será duns 40.000 euros. Precisamente este carácter de emerxencia fai que a obra non teña proxecto previo “porque debemos atender ás circunstancias, xa que queremos facelo o máis rápido posible para restablecer o firme canto antes”, declarou Quiroga.

Deste xeito, segundo o previsto, se a climatoloxía é favorable, tras Aninovo darán comezo unhas obras coas que se quere volver a recuperar canto antes a rúa Doutor Fleming e podela abrir de novo ó tráfico, para que poda ser utilizada con normalidade polos monfortinos e monfortinas.