Concerto de Lucus Ensemble e Exposición de Instrumentos Musicais Medievais en Monforte

 

Monforte de Lemos, 29 de abril de 2019. O vindeiro venres 3 de maio, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, acollerá, a partir das 20:15 horas, o concerto da formación Lucus Ensemble.

Este concerto forma parte do programa de concertos "O son do tempo" co que a Deputación de Lugo, a través da delegación de Cultura, ten como obxectivo o estudo, a divulgación, o préstamo de pezas e a promoción da música medieval para o público en xeral nos 67 concellos da provincia.

Deste xeito, o citado obxectivo materialízase tanto a través do mencionado ciclo de concertos como dunha exposición de instrumentos medievais (que tamén estará presente en Monforte o vindeiro día 3) a cargo do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo.

A entrada, tanto ao concerto como á exposición de instrumentos musicais é gratuíta.

Lucus Ensemble

Despois de coincidir en diferentes concertos benéficos, un grupo de músicos vinculados á cidade de Lugo decide crear unha formación estable na capital para o desenvolvemento de proxectos musicais adaptados a unha plantilla de corda, vento e percusión. Nace así no ano 2014 a formación Lucus Ensemble.

Unha das súas principais características é que os arranxos e adaptacións do programa están a cargo de propios membros do grupo, logrando así unha especial sonoridade.

No concerto deste venres en Monforte utilizarán tanto instrumentos medievais coma actuais, polo que a actuación terá un especial atractivo para o público asistente

Máis info sobre Lucus Ensemble