Hoxe instálase no Parque Infantil da Compañía de Monforte o multixogos adaptado

Monforte de Lemos, 10 de xullo de 2019. O Concello de Monforte continúa coas obras de mellora dos diferentes parques da cidade, co obxectivo de dotalos de elementos de xogo adaptados a todos os nenos e nenas, tamén aqueles con diversidade funcional.

Deste xeito, onte deron comezo no Parque infantil da Compañía as obras de acondicionamento do mesmo, co fin de proceder durante a xornada de hoxe á instalación dun Multixogos adaptado modelo F305A. Un modelo que permitirá que poidan xogar todos os nenos e nenas xuntos, para así previr prexuízos, exclusións e que poidan interactuar e aprender uns dos outros.

Por este motivo, durante a xornada de hoxe mércores o Parque infantil da Compañía permanecerá pechado a todos os usuarios, co fin de garantir a seguridade dos mesmos.

Ademais do propio xogo, tamén se instalará no Parque infantil da Compañía un cartel de 62x92 cm. que sinalizará dito xogo como “Inclusivo” e baixo o lema “Aquí xogamos todos”. Un cartel que tamén incluirá normas de uso así coma teléfonos e direccións  de interese (centro de saúde máis próximo, teléfono de urxencias, etc).

Os traballos de instalación do novo xogo adaptado están sendo desenvoltos pola empresa adxudicataria do contrato de mellora, mantemento, conservación e reparación de parques infantís  e biosaudables en Monforte, a empresa Jardincelas S.L.

 

Características técnicas

O multixogo inclusivo modelo F305A ten forma de camión e unhas dimensións de 5,85 x 1,96 x 1,68 metros. Ademais, conta coas seguintes especificacións técnicas:

  • Paneis: Realizados en polietileno de alta densidade de 20 mm e taboleiro contrachapado antideslizante de 21 mm.
  • Postes: De madeira de pino escandinavo tratada en autoclave, clase de risco IV.
  • Pintura: 5 nos cantos de esmalte poliuretano texturado exento de chumbo e con alta resistencia á meteorización.
  • Pezas de plástico: Polietileno, polipropileno e poliamida.
  • Pezas metálicas: Aceiro S-235, AISI-304 e aluminio anodizado EN AW-6063.
  • Tornillería: Aceiro calidade 8.8 DIN267, AISI-304 e AISI-316.

 

O xogo cumpre coa normativa europea (UNE-EN-1176, UNE-EN-1177) e autonómica (Decreto 245/2003 do 24 de abril de 2003, da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado) vixentes.

Nas vindeiras semanas, a empresa Jardincelas continuará coa colocación de novos elementos de xogo adaptados nos parques de López Suárez, A Pinguela e A Florida.

Coa instalación deste novo elemento de xogo inclusivo e adaptado, dáse cumprimento ó compromiso do Equipo de Goberno de Monforte para facer que os parques da cidade (todos aqueles parques que teñan espazo para podelo facer) conten todos con elementos de xogos adaptados, en función das características dos nenos e nenas que xoguen neles, e que xa figura nas bases do concurso.