Máis da metade dos paseos en barca polo Cabe realizáronse durante o mes das Festas Patronais

Monforte de Lemos, 18 de setembro de 2019. Os paseos en barca polo río Cabe seguen sendo un dos principais atractivos turísticos do verán na cidade de Monforte. Dende mediados de xuño e ata o pasado 15 de setembro, o Club de piragüismo Quixós, que se encarga da xestión desta actividade organizada polo Concello, contabilizou un total de 798 viaxes.

Os datos reflicten que o mes de agosto é o que acapara o maior número de percorridos polo río. De feito, máis da metade das viaxes do verán realizáronse durante este mes, en concreto, neses días de vacacións por excelencia, houbo 411 paseos.

“O dato confirma que durante os días das Festas Patronais deste ano houbo moita xente en Monforte. É unha proba máis de que o programa que deseñamos, tanto de concertos como de actividades culturais, espertou o interese de persoas doutros puntos da nosa xeografía, que ademais de gozar das actuacións, quixeron aproveitar para facer os percorridos en barca polo río”, destacou o Alcalde, José Tomé Roca. O mandatario local subliñou tamén “a xente animouse durante todo o verán a remar para poder ter unhas vistas privilexiadas do tramo fluvial no seu percorrido urbano”.

Polo que respecta ó mes de xullo, a cifra foi de 223 paseos en barca polo río Cabe. Mentres que durante os 15 días de setembro houbo un total de 91 viaxes. O mes de xuño é o que rexistra unha menor afluencia de público. En concreto, durante ese mes houbo 73 viaxes. O mandatario local, José Tomé Roca, destaca que “unha porcentaxe importante das persoas que realizaron as viaxes eran doutras comunidades españolas e mesmo tamén estranxeiros”.

O punto de inicio destes percorridos era o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo tivo un custe de 3’25 euros por barca, como en anos anteriores.