O Alcalde de Monforte asistiu onte en Santiago á presentación das VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia

Monforte de Lemos, 30 de maio de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu na tarde de onte en Santiago ó acto inaugural das VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que tivo lugar no Parador Hostal dos Reis Católicos.

No acto participaron os presidentes das diferentes Denominacións de Orixe de Galicia, excepto o da Ribeira Sacra, consello que estivo representado por unha traballadora do mesmo. Ademais, tamén contou coa presencia de José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, e de Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo.

O Alcalde estivo acompañado ademais polo presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, nun acto no que se presentou a programación da oitava edición das Rutas dos Viños de Galicia, e que terá lugar as fins de semana do 7 ao 9 e do 14 ao 16 de xuño.

 

VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia

Durante ditas fins de semana, poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta promoción. Ó final de cada visita, ofreceráselle ós participantes unha degustación dos mellores viños de Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra ou Valdeorras. Do mesmo xeito, tamén participarán restaurantes de cada zona onde se poderán degustar menús especialmente concibidos para esta ocasión, maridados con viños da Denominación de Orixe na que se atope o visitante.

En cada ruta ademais ofertarase un programa especial de actividades para a fin de semana: autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.

Toda a información destas VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia atópase en www.xornadasrutasvinosgalicia2019.com. As actividades da Ruta do Viño da Ribeira Sacra que se desenvolven entre o 14 e o 16 de xuño están neste enlace.