O Alcalde de Monforte informa da aparición de tres nidos de vespa velutina no Parque López Suárez onde os bombeiros en breve van proceder á súa retirada

Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2019. O Servicio de Medio Ambiente do Concello de Monforte localizou, na mañá de hoxe, tres niños de vespa velutina no Parque López Suárez, momento no que inmediatamente se procedeu a informar ó Alcalde, José Tomé Roca.

O Alcalde ordenou, como medida preventiva, acordoar toda a zona para evitar que a poboación poida acceder ó parque e sufrir algunha picadura.

Do mesmo xeito, o rexedor municipal púxose en contacto coa xerente do Consorcio de Bombeiros para que efectivos do mesmo, que contan con equipos axeitados para o tratamento deste tipo de nidos, procedan á súa inmediata retirada. Está previsto que os bombeiros acudan en breve ao Parque para solventar a situación.

Desde o Concello, recoméndase aos pais e nais que non leven aos seus fillos ó parque ata que se estabilice e se solucione a situación.

Unha vez rematen os traballos de retirada dos nidos e quede garantida a seguridade no Parque, procederase á súa apertura ós usuarios.