O Alcalde nomeou hoxe a 3 novos policías locais como funcionarios en prácticas do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 17 de abril de 2019. Tras dar por finalizado o proceso selectivo que tiña aberto o Concello de Monforte para a incorporación de 3 novos axentes ó corpo de Policía Local da cidade, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado do Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e do Xefe da Policía Local, Miguel Martínez, nomeou como funcionarios en prácticas e recibiu hoxe ás tres persoas que superaron dito proceso selectivo. Os tres novos axentes en prácticas da policía Local son Antonio Portela González, natural de Vigo, Óscar José Lorenzo Pérez, natural de Ferrol, e  José Olaf Fernández Fuente, natural de Monforte.

Nesta primeira toma de contacto, o Alcalde e o Xefe da Policía Local aproveitaron para departir cos 3 axentes en prácticas sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas futuras funcións na cidade e no conxunto do Concello.

O seguinte paso destes  axentes en prácticas será incorporarse, o vindeiro luns día 22 de abril, á Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada, onde iniciarán a súa formación previa ao inicio (sempre que superen dita formación) das súas funcións como axentes de policía locais en Monforte. Deste xeito, alternarán a súa formación na Academia con períodos de prácticas no propio Concello de Monforte.

O seu período formativo rematará a finais deste ano, e se o superan satisfactoriamente, serán nomeados funcionarios do Concello a principios do vindeiro ano 2020.

O acto de inicio da formación dos novos policías do conxunto de Galicia terá lugar o vindeiro mércores 24 de abril na Academia Galega de Seguridade Pública ubicada na Estrada, e a el acudirá, en representación do Concello de Monforte, José Luis Losada, Concelleiro de Servizos para acompañar nese acto ós 3 novos policías monfortinos.