O Concello de Monforte recorda ás 3 mulleres vítimas da violencia machista en Valga cun minuto de silencio

Monforte de Lemos, 18 de setembro de 2019. Ás 12 do mediodía de hoxe tivo lugar na praza do Concello de Monforte a celebración dun minuto de silencio en repulsa do triple crime machista acaecido en Valga (Pontevedra), localidade na que foron asasinadas 3 mulleres o pasado luns.

O Alcalde da cidade, José Tomé Roca, declarou que “no Concello de Monforte estamos consternados polo terrible asasinato cometido contra tres mulleres no concello de Valga e con este minuto de silencio queremos facer visible a nosa repulsa ante a violencia machista que deixa xa 41 mulleres asasinadas en 2019 e máis de 1.000 dende o ano 2003 en España”.

No minuto de silencio participaron, ademais do Alcalde, diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación do Concello, así coma persoal municipal e diversos cidadáns monfortinos, para facer visible o rexeitamento común ante a violencia exercida contra as mulleres.