Onte instalouse no Parque López Suárez de Monforte un novo multixogos adaptado

Monforte de Lemos, 6 de agosto de 2019. O Concello de Monforte continúa coas obras de mellora dos diferentes parques da cidade, co obxectivo de dotalos de elementos de xogo adaptados a todos os nenos e nenas, tamén aqueles con diversidade funcional.

Deste xeito, onte procedeuse á instalación dun Multixogos adaptado modelo COMIC- F404A_P. Un modelo que permitirá que poidan xogar todos os nenos e nenas xuntos, para así previr prexuízos, exclusións e que poidan interactuar e aprender uns dos outros.

Os traballos de instalación do novo xogo adaptado foron desenvoltos pola empresa adxudicataria do contrato de mellora, mantemento, conservación e reparación de parques infantís  e biosaudables en Monforte, a empresa Jardincelas S.L.

 

Características técnicas

O multixogo inclusivo modelo COMIC- F404A_P , e que leva por nome “O Pasadizo Secreto”, ten unhas dimensións de 3,23 x 1,12 x 0,13 metros. Conta cunha capacidade de xogo para 8 nenos e nenas á vez, e está pensado para usuarios de 2 a 6 anos.

Ademais, conta coas seguintes especificacións técnicas:

  • Paneis: Realizados en polietileno de alta densidade de 20 mm e taboleiro contrachapado antideslizante de 21 mm.
  • Postes: De madeira de pino escandinavo tratada en autoclave, clase de risco IV.
  • Pintura: 5 nos cantos de esmalte poliuretano texturado exento de chumbo e con alta resistencia á meteorización.
  • Pezas de plástico: Polietileno, polipropileno e poliamida.
  • Pezas metálicas: Aceiro S-235, AISI-304 e aluminio anodizado EN AW-6063.
  • Tornillería: Aceiro calidade 8.8 DIN267, AISI-304 e AISI-316.
  • Superficie de seguridade e revestimentos do chan segundo as normas EN1176-3, EN1176-1 e DIN33942.

O xogo cumpre coa normativa europea (UNE-EN-1176, UNE-EN-1177) e autonómica (Decreto 245/2003 do 24 de abril de 2003, da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado) vixentes

Nas vindeiras semanas, a empresa Jardincelas rematará a instalación de novas pezas para o parque de López Suárez e continuará coa colocación de novos elementos de xogo adaptados nos parques de A Pinguela e A Florida.

Coa instalación destes novos elementos de xogos inclusivos e adaptados en diferentes parques infantís da cidade, dáse cumprimento ó compromiso do Equipo de Goberno de Monforte para facer que os parques da cidade (todos aqueles parques que teñan espazo para podelo facer) conten todos con elementos de xogos adaptados, en función das características dos nenos e nenas que xoguen neles, e que xa figura nas bases do concurso.