Os traballos de limpeza da Ponte Vella de Monforte comezarán este luns 10 de xuño

Monforte de Lemos, 08 de xuño de 2019. A brigada municipal de parques e xardíns do Concello de Monforte vai proceder este luns, 10 de xuño, a acometer os traballos de limpeza da vexetación superficial que se foi acumulando nestes últimos meses na Ponte Vella. En concreto, as tarefas van consistir no corte da maleza e limpeza das herbas para resaltar a beleza do monumento.

Para a realización destes traballos, que se prolongarán durante toda a mañá, vai ser necesario empregar un guindastre. Por este motivo, os vehículos e os peóns non van poder pasar sobre a Ponte e a policía local manterá cortado o acceso toda a mañá, concretamente dende as 7:30 horas.

O Alcalde, José Tomé Roca, indicou que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno contemplou dende o principio. A Ponte Vella é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o disfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan, mellorando a mobilidade cidadá cunha nova ponte no Malecón, a medio prazo”.