Presentación do primeiro albergue turístico de Monforte, que contará con 50 prazas

Monforte de Lemos, 9 de outubro de 2019. Na mañá de hoxe o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou un proxecto do que será o primeiro albergue turístico da cidade. Para dar a coñecer os detalles desta importante iniciativa, estivo acompañado por un dos principais promotores do mesmo, Ramón Díaz-Varela López.

O novo albergue, que leva por nome “Albergue Santiago 15”, por estar ubicado nesa céntrica rúa de Monforte e nese número 15, é, en verbas do Alcalde, “unha iniciativa que o Concello de Monforte apoia decididamente porque este novo albergue ven a ofertar uns servizos de aloxamento necesarios para os peregrinos e turistas que visitan a nosa cidade, ben mentres fan o percorrido do Camiño de Inverno, ou ben os que se achegan para visitar a Ribeira Sacra ou a nosa cidade”.

Este novo albergue turístico contará con 50 prazas que se materializan en liteiras pechadas distribuídas en habitacións compartidas en 4 módulos, proporcionará cun servizo de almorzo tipo buffet e ofertará actividades turísticas ós seus clientes, dende visitas pola cidade, a rutas de sendeirismo ou ciclismo pola Ribeira Sacra, enoturismo, etc.

“Deste xeito”, continuou o rexedor municipal “incorpórase á oferta turística da cidade un novo servizo que creo que vai ter un gran éxito e vai ser unha ferramenta máis de promoción e de servizos turísticos de calidade para Monforte”.

O promotor da iniciativa, quen afirmou que afrontou o proxecto, xunto ós seus dous socios, “coa maior das ilusións, xa que Monforte “carecía deste tipo de servizo nun punto estratéxico do Camiño de Inverno ó seu paso pola cidade”, insistiu en que non só vai ser un aloxamento idóneo para peregrinos, senón tamén para grupos organizados, como poden ser excursións de escolares ou xuntanzas deportivas. “Un albergue urbano que sexa un referente turístico e de servizos para Monforte e que ten 50 prazas por unha razón de ser: 50 prazas son as que ten un autobús”, concluíu o promotor monfortino desta novidosa iniciativa.

Agárdase que ó longo do mes de novembro deste ano 2019 abra as súas portas o “Albergue Santiago 15”. Neste senso, o Alcalde indicou que “dende o Concello facilitamos con rapidez todos os permisos para contar con este albergue o antes posible. E podemos dicir que nun corto espazo de tempo incorporarase á oferta turística da cidade un novo servizo que creo que vai ter un gran éxito e vai ser unha ferramenta máis de promoción e de servizos turísticos de calidade para Monforte”.