Representación, mañá xoves 28, da obra “Invisibles” de Redrum Teatro, dentro dos actos contra a violencia de xénero en Monforte

Monforte de Lemos, 27 de novembro de 2019. O salón de actos do Edificio Multiusos de Monforte acollerá mañá xoves 28 de novembro ás 20:15 horas, a representación teatral da obra “Invisiblesa cargo da compañía Redrum Teatro. Esta obra enmárcase dentro do Programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios do segundo semestre de 2019, e tamén se inclúe dentro das actividades organizadas polo Concello de Monforte para conmemorar o 25-N Día internacional contra a violencia de xénero. A peza está dirixida a público adulto e a entrada xeral é de 5 euros mentres que para desempregados, estudantes e xubilados é de 3 euros.

 

A obra está escrita por Montse Fajardo, dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Mela Casal, Shyela Fariña e Nieves Rodríguez.

 

Sinopse de Invisibles

Un lugar indeterminado.

Tres mulleres.

Sete testemuños reais.

Un millón de razóns para falar do maltrato.

Non máis invisibles.

Invisibles é un espectáculo de creación colectiva, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. A pretensión fundamental deste espectáculo é concienciar e sensibilizar ás espectadoras e aos espectadores con esta lacra que invade a nosa sociedade.

Invisibles é un espectáculo para maiores de 12 anos, debido ao contido dalgunha das situacións que se presentarán no mesmo. Podemos dicir que é un espectáculo para público adulto pero que tamén cun grande interese para xóvenes en idade adolescente, xa que é precisamente nese rango de idade no que rematan de formar as súas personalidades e no que comezan as súas primeiras relacións de parella. É o momento no que coñecer este tipo de situación pódelles levar a construír unha relación máis sana e a asentar os límites das súas relacións futuras.

Con este espectáculo presentamos dúas grandes reflexións: a inexistencia dun perfil típico entre as mulleres que sofren violencia de xénero e a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade. Desexamos que o noso público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que o envolve para poder así transformala.

Invisibles quere respectar e conservar a necesaria dimensión lúdica do teatro, pero aproveitando tamén a súa capacidade transformadora.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.