Inauguración na Casa da Cultura de Monforte da exposición "Galicia, Conservando a Natureza. ODS15"

Monforte de Lemos, 18 de xuño de 2020. Na mañá de hoxe, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte acolleu a inauguración da que é a primeira exposición organizada dentro do estado de Nova Normalidade derivado da pandemia do COVID-19.

Trátase da exposición titulada "Galicia, Conservando a Natureza. ODS15" e que está organizada pola Aula Universitaria da UNED de Monforte de Lemos, coa colaboración do Concello de Monforte.

Deste xeito a exposición foi inaugurada ás 12 horas pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, a Directora do Centro Asociado da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira e a Coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Monforte de Lemos, Marta Rodríguez.

Dita exposición poderá ser visitada en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o día 6 de xullo e está dirixida a público en xeral.

Esta é a primeira exposición organizada na Casa da Cultura monfortina dende que así o permite o estado de Nova Normalidade por mor da pandemia do COVID-19. Neste senso, para visitala deberanse cumprir todas as medidas de distanciamento social e de seguridade determinadas polas autoridades sanitarias.

O obxectivo da mostra, que está composta por 21 paneis informativos e divulgativos é presentar ó gran público a diversidade e singularidades dos espazos naturais protexidos de Galicia para concienciar á poboación sobre a importancia da conservación do medio natural e o seu propio papel na preservación da natureza e das súas especies.

Os visitantes sorprenderanse coa cantidade e diversidade de espazos protexidos declarados no territorio galego, a variedade e singularidades das especies animais e vexetais que poden atoparse neles, e entenderán o significado das figuras de protección e o que conlevan, para desenvolver actitudes de responsabilidade fronte á conservación ambiental.

Máis información neste enlace.