Mañá terá lugar a inauguración da exposición "Disconformes" da pintora Ana Ferreiro na Casa da Cultura

Monforte de Lemos, 5 de marzo de 2020. A inauguración da exposición “Disconformes” da pintora Ana Ferreiro terá lugar mañá venres, 6 de marzo, ás 20 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, e contará coa presencia da propia artista.

Esta exposición forma parte das actividades que o Equipo de Goberno do Concello de Monforte organiza co gallo do 8-M, Día Internacional da Muller.

Ana Ferreiro naceu en Ribadavia e reside en Ourense dende 1994. Formouse en pintura ó óleo na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Entre as súas últimas exposicións realizadas están a do Museo Municipal de Ourense (2012), a Casa de Galicia en Madrid (2013), a Colectiva Centro de Estudios Chamoso Lamas - O Carballiño (2018), a do Museo Municipal de Ourense (2019), a Colectiva Galería Visol - Ourense (2019) e a Colectiva Centro de Estudios Chamoso Lamas - O Carballiño (2020).

En palabras de Eva Torres (Técnica Áreas Expositivas dos Espazos Museísticos Municipais de Ourense) sobre Ana Ferreiro: “Muller, pintora, creadora e profesional que entrega o seu lenzo e pinceis cun grande respecto e compromiso, xerando unha grande cantidade de resultados visuais. A perfección das formas figurativas, o exacto emprego de pigmentos cromáticos que delimitan o artístico do conceptual converten as imaxes reais en obras de grande solidez imaxinativa, facendo da obra de Ana un proxecto serio de grande peso creativo e decididamente artístico”.

“Impregnada de sensibilidade, a súa coidada técnica pictórica plasma a materia seleccionada co pigmento oleoso adecuado, outorgándolle á obra, a luz e a transparencia debida en cada caso. A súa é unha pincelada máis xestual e dinámica cunha forte carga matérica e cores máis intensas, remitindo ao máis esencial da arte contemporánea, reducindo aspectos formais e estruturais sen perder a especial fidelidade da artista no mundo construtivo.”

Disconformes”, é unha mostra que nos emite unha pincelada de esperanza, forza e ilusión; cada obra ten unha historia que a pintora quere achegar ó público provocando sensacións, ideas e conclusións.