O Alcalde anuncia axudas ó comercio e á hostalería de Monforte para este Nadal

Monforte de Lemos, 2 de decembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer dúas novas iniciativas postas en marcha polo Concello de Monforte para seguir axudando ós sectores produtivos e ás familias de Monforte, ante a pandemia da Covid-19.

Tal e como anunciara no pasado Pleno da Corporación Municipal, celebrado o luns día 30, o Alcalde deu a coñecer esta nova campaña de axudas, que se engaden ás xa postas en marcha este ano por mor do Coronavirus, como o Plan Reactiva Monforte, que repartiu axudas entre 1.211 empresas, autónomos e traballadores por valor de 543.000 euros; o Plan de Apoio ás familias e ós sectores económicos de Monforte, mediante o que se axudou a 4.282 familias, repartindo 10.811 bonos por importe de 270.275 €; as axudas directas a fondo perdido, mediante as que se bonificou o eximiu de taxas e impostos a  varios sectores económicos do Concello.

Do mesmo xeito, o Alcalde, antes de describir as axudas ideadas para este Nadal en Monforte, tamén recordou o reparto de 185.000 mascarillas para paliar os efectos do Covid-19 e neste senso precisou que “tamén prevemos facer novos repartos de mascarillas e no orzamento para o ano 2021 temos prevista unha partida para comprar máis material por si fose necesario”.

Campaña “Este Nadal eu merco en Monforte

A actual crise sanitaria obrigou ó Concello a cancelar un sinfin de actividades ó longo de todo este ano, e neste senso, a programación de Nadal que ano a ano deseñaba o Equipo de Goberno, tamén se veu afectada.

“Como saben, de entre as actividades que ideabamos para o período navideño, atopábanse accións encamiñadas á incentivar a compra no comercio local, como era o Mercado de Nadal, os contacontos, os obradoiros para nenos e adultos, o scalextric, etc, actividades de ocio e promoción que, debido ás restricións e recomendacións das autoridades sanitarias por mor do Covid-19, este ano non se poden celebrar” indicou Tomé Roca.

Deste xeito, dende o Concello e a área de Promoción Económica, ideouse unha campaña de Nadal diferente, para dar un impulso ó Comercio e á Hostalería de Monforte, baixo o lema “Este Nadal eu merco en Monforte”.

“En concreto, baixo este lema ideamos 2 concursos para os cales destinaremos axudas directas por valor de 30.000 euros, para propiciar o consumo da cidadanía na hostalería e nos comercios de Monforte, durante os meses de decembro de 2020 e xaneiro de 2021”, destacou o Alcalde.

Os concursos son os seguintes:

•   “I Concurso de Bonos de axuda para o Nadal”, nos meses de decembro e xaneiro

•   “I Concurso de decoración do Nadal e Escaparatismo”.

 

I Concurso de Bonos de axuda para o Nadal

Este concurso desenvolverase en colaboración coas dúas radios locais de Monforte, Radio Principal-Cadena Ser e Onda Cero, a través dun programa especial de pregunta-resposta, e que se celebrará de luns a venres entre os días 7 de decembro de 2020 e o 29 de xaneiro de 2021.

O concurso consistirá en que os oíntes poderán chamar a estas emisoras e as locutoras destas dúas radios lles formularán unha sinxela pregunta relacionada co comercio e a hostalería de Monforte. En caso de respostar correctamente á pregunta formulada, se lle entregará na Casa do Concello un bono de 25 euros para gastar na hostalería e nos comercios de todo tipo do municipio. Só se entregará un bono por persoa, unha vez que se acerte a pregunta formulada, polo que a mesma persoa non poderá participar dúas veces, é dicir, non poderá repetir.

Cada emisora destinará un programa especial adicado a este concurso, de luns a venres laborables e duns 15-20 minutos de duración, no que a estimación é repartir uns 15 premios diarios, ata un total de 1.000 bonos, o que supón 1.000 participantes como máximo, e que significarán un total de 25.000 euros para gastar no comercio e hostalería monfortinos.

En Radio Principal, o programa dará comezo ás 13:05 horas, e poderá chamarse ó 982 400 512. No caso de Onda Cero, as chamadas para participar neste concurso poderán facerse a partir das 13:10 horas, no 982 418 243.

Estes concursos tamén serán publicitados nos xornais con medias páxinas ou faldóns informativos, para difundilos e animar á xente a participar.

Os agraciados poderán recoller os bonos na Casa do Concello de Monforte ata o día 12 de febreiro, poñéndose a disposición cada mércores os bonos da semana anterior. E o prazo límite para gastalos no comercio e na hostalería será o 20 de febreiro.

Os establecementos terán de prazo para solicitar o pago ó Concello, ata o día 1 de marzo de 2021, por ser domingo o día 28 de febreiro.

Decreto Bases Concurso Bonos Axudas do Nadal

Rectificacion_Decreto_2020_1879.pdf

 

I Concurso de Decoración do Nadal e Escaparatismo

Mediante este concurso “dende o Equipo de Goberno do Concello queremos fomentar a participación e a creatividade da cidadanía no embelecemento ornamental da cidade durante este Nadal, facendo que nel se involucren tanto o comercio, como  a hostalaría e os propios veciños de Monforte, para converter á cidade no escaparate navideño do comercio, da hostalería e das vivendas desta comarca e do sur de Lugo” sinalou o Alcalde.

Nas diferentes modalidades deste concurso, que a continuación detallaremos, a decoración dos diferentes espazos deberá recrear o ambiente propio do Nadal, utilizando elementos tradicionais e propios destas festas, así como a iluminación e  a composición ornamental características do Nadal.

“Queremos así promover a creatividade e a potenciación do comercio local neste Nadal tan diferente, marcado pola pandemia que estamos a vivir, pero no que intentamos manter intacto o espírito navideño”, subliñou o rexedor municipal.

Neste Concurso de Decoración do Nadal e Escaparatismo hai 3 modalidades de participación:

  • Decoración do escaparate e do interior de establecementos comerciais, no que poderán participar todos os comercios e negocios ubicados no termo municipal de Monforte.
  • A segunda modalidade do concurso está dirixida á hostalería, e nela valorarase en conxunto a mellor entrada, interior e ventanais do establecemento participante. E tamén poderán participar todos os negocios hostaleiros do Concello.
  • A terceira modalidade está adicada ás vivendas. Neste caso hai 3 opcións:
    • A comunidade de veciños dun edificio, no que deberán decorar as entradas principais do seus edificios, e que esas decoracións sexan totalmente visibles dende a vía pública.
    • Balcóns e ventás de edificios de Monforte, que deberán ser visibles tamén dende a vía pública.
    • E finalmente as vivendas unifamiliares, no que poderán participar os residentes de calquera vivenda unifamiliar ubicada en Monforte, que decoren as súas vivendas e/ou xardíns de modo que esta decoración sexa totalmente visibles dende a vía pública.

Para participar nas diferentes modalidades descritas, os interesados poderán inscribirse ata o día 22 de decembro de 2020, utilizando o modelo normalizado, que poden presentar tanto no Rexistro do Concello como a través da Sede Electrónica, por vía telemática.

Ademais, no momento da inscrición deberán aportar 5 fotografías nas que se poida visualizar a decoración realizada, para a posterior valoración polo xurado.

Neste senso, a decoración deberá estar exposta como mínimo dende o día 22 de decembro ata o día 7 de xaneiro de 2021.

Os requisitos fundamentais para participar nas diferentes modalidades deste concurso son que as decoracións e adornos teñen que ser típicos de Nadal, e a zona elixida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública.

Para as diferentes modalidade deste I Concurso de Decoración do Nadal e Escaparatismo destinaranse 5.000 euros en premios e axudas.

En concreto, para as categorías de Comercio e Hostalería estableceranse 3 premios, para cada unha delas: un 1º premio de 300 euros, un 2º de 200 € e un 3º de 100 €.

No caso das vivendas, para as Comunidades de Veciños os premios serán tamén dun 1º premio de 300 euros, un 2º de 200 € e un 3º de 100 €.

E no caso de balcóns e ventás, así como vivendas unifamiliares, en cada unha destas dúas modalidades establecemos un 1º premio de 200 €, un 2º de 100 € e un 3º de 50 euros.

Ademais, entre todos os participantes nas diferentes modalidades, excepto os xa gañadores, sortearanse un total de 25 lotes de bonos por un importe de 100 euros cada lote (cada lote inclúe 4 bonos de 25 €). Estes bonos poderán ser trocados nalgún dos establecementos da hostalería abertos ó público no Concello de Monforte.

 Estes bonos deberán consumirse como data límite o 31 de marzo de 2021, en calquera dos establecementos da hostalería do concello de Monforte de Lemos.

Tanto o fallo do xurado para elixir ós gañadores deste concurso, así coma o sorteo público dos 25 bonos de 100 euros terán lugar o día 30 de decembro.

  Decreto I Concurso Decoración Nadal e Escaparatismo Monforte

 

Solicitude_Inscricion_Concurso_Decoracion_Nadal.pdf

Solicitude_Nomeamento_Apoderado_Inscricion_Concurso_Decoracion_Nadal.pdf

 

O Alcalde concluíu sinalando que “en resumo, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte segue axudando tanto ós veciños e veciñas da cidade como á hostalería e o comercio de Monforte, neste caso con axudas directas por importe de 30.000 euros, tratando de innovar para facer do Nadal unhas datas máis atractivas e alegres”.