O Alcalde da conta ó Consello Municipal de Saúde da situación sanitaria propiciada polo Covid-19 en Monforte

Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2020. O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu onte ás 20 horas unha sesión extraordinaria do Consello Municipal de Saúde, co obxecto de analizar a situación sanitaria do Concello en relación coa pandemia do Covid-19, especialmente dende que o pasado martes 18 de agosto a Consellería de Sanidade comunicara a detección dun gromo de casos positivos na rúa Duquesa e tras o decreto do peche perimetral da cidade, establecido o 4 de novembro.

A xuntanza foi presidida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e nela estiveron tamén presentes Pilar Espinosa, Concelleira de Sanidade e vicepresidenta do Consello, e os vogais do Consello, Gloria Prada, 1ª Tenente de Alcalde, Emilio Sánchez, concelleiro do BNG, Katherinie Varela, concelleira do PP, Germán Vázquez, concelleiro de Esperta Monforte, Elia Fernández, do Colexio Oficial de Enfermería, Sagrario Ferreira, do Colexio Oficial de Psicoloxía, Francisca Vázquez, pedánea de Bascós, Marina López, presidenta da Asociación de veciños de Cobas, Miguel Ángel Pino, presidente da Asociación de veciños da zona do Hospital, Antonio García, pedáneo de Tor, e representando á Plataforma en defensa da sanidade pública-PLADESAPLU asistiron Manuela Fuentes e Purificación Rodríguez.

O punto central que se abordou nesta xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sociosanitaria do concello de Monforte en relación co gromo de positivos por Covid-19 comunicado polo Sergas a finais do mes de agosto e especialmente en relación co recente peche perimetral da cidade decretado a principios do mes de novembro.

Deste xeito, o Alcalde detallou na súa intervención as chamadas que se produciron tras o inicio do brote de finais de agosto, que foron efectuadas diariamente polo xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e que se estenderon ata que se deu por pechado o gromo, o 4 de setembro.

O Alcalde tamén deu conta da conversa mantida co anterior Conselleiro de Sanidade, o sr. Vázquez Almuiña na que o Alcalde adquiriu o compromiso de reforzar a vixilancia da policía local, especialmente durante as fins de semana e durante toda a duración do gromo, compromiso que si se levou a cabo.

En relación coa actual situación sociosanitaria da cidade, que permanece pechada perimetralmente, o Alcalde informou ós asistentes de como se comunicou ó Concello o inicio do peche, que foi a través dunha chamada telefónica do Xerente da Área Sanitaria 10 minutos antes de que fora anunciado polo Presidente da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, Tomé Roca informou do acordo tomado pola Xunta de Goberno do Concello de demandar á Consellería de Sanidade a supresión do peche perimetral da cidade, toda vez que o nivel de alerta baixara a laranxa, demanda que foi comunicada por carta o pasado 9 de novembro, e na que se resaltaba a inxustiza que supón o peche perimetral, co grave perxuizo ocasionado á hostelería. A carta foi respostada días despois polo Conselleiro de Sanidade, o sr. García Comesaña, negando o levantamento do peche “debido a que non se daban as condicións axeitadas para facelo”.

 

Datos de positivos por Covid en Monforte

O Alcalde deu a coñecer os datos que se manexan dende o Concello, e que “a día de hoxe son arredor de 30 casos activos. Ademais, dende o pasado venres 13 de novembro ata o día de onte, xurdiron 10 casos novos, cunha media de 2 por día.

Neste senso, incidiuse no inxusto do peche perimetral, xa que outros concellos limítrofes e da provincia, arroxan peores datos que Monforte e non se estableceu para eles o peche correspondente.

A raíz da situación actual, o Alcalde insistiu en “que se apliquen as mesmas medidas para todos os concellos por igual, seguindo os mesmos criterios á hora de establecer restricións” e, na mesma liña, demandou poder recibir diariamente os datos reais da incidencia da pandemia no Concello. Nesta liña, tamén se resaltou a importancia de saber cantas probas PCR se están levando a cabo, para coñecer así a incidencia real na poboación do virus.

Tras a intervención do Alcalde, os diferentes participantes na xuntanza expuxeron os seus comentarios e dúbidas en relación coa evolución da situación sociosanitaria en Monforte, dúbidas que foron aclaradas en todo momento polo rexedor municipal.

En conxunto, os asistentes coincidiron na importancia de unificar os protocolos de actuación e de establecer uns mesmos parámetros para todos os Concellos á hora de establecer criterios de contención da enfermidade.

O Alcalde concluíu a xuntanza agradecendo a participación e o interese dos membros do Concello, e transmitíndolles unha mensaxe de ánimo e forza ante unha situación que só se poderá superar co esforzo de todos, no cumprimento das recomendacións e normas ditadas polas autoridades sanitarias. E apelou á responsabilidade individual de cada un, fundamental á hora de cumprir as normas e de evitar a propagación do virus.