O Alcalde de Monforte anuncia a decisión de prorrogar o contrato con FCC en relación co servizo municipal de recollida de lixo e limpeza viaria

Monforte de Lemos, 01 de agosto de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou na mañá de hoxe a decisión tomada polo Equipo de Goberno do Concello de prorrogar o actual contrato coa empresa FCC que presta en relación co servizo municipal de recollida de lixo e limpeza viaria.

O rexedor municipal, que estivo acompañado na súa comparecencia ante os medios pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, fundamentou os motivos que levaron a tomar esta decisión en 3 aspectos: “en primeiro lugar polo mantemento, e incluso incremento, de postos de traballo; en segundo lugar porque o servizo que se ven prestando por parte da empresa, tanto no que se refire á recollida de lixo como á limpeza viaria, en xeral, é satisfactorio; e en terceiro lugar, porque froito da negociación que mantivemos durante os últimos meses, conseguimos unhas melloras importantes para mellorar o servizo tanto na zona urbana como no medio rural”.

Neste senso, o actual contrato remata a súa vixencia o vindeiro día 8 de setembro e no seu artigo 5, en relación coa duración do contrato, establece a posibilidade de prórrogas por 3 períodos de 5 anos, aínda que para renovar o conxunto da flota, establece que ese período deberá ser de 10 anos, e esta foi a opción que finalmente escolleu o Equipo de Goberno monfortino.

“Esta decisión” salientou o Alcalde “tomámola con toda a tranquilidade, sen premuras de tempo, dado que aínda que o contrato remate en setembro, a lexislación establece que a empresa debería seguir prestando o servizo durante polo menos outros 6 meses, que sería tempo suficiente para levar adiante un novo concurso”.

As melloras que se incluirán na prórroga do contrato entre FCC e o Concello de Monforte, melloras acadadas logo das negociacións establecidas nos últimos meses entre ambas entidades e que describiremos a continuación, entrarán en vigor unha vez que a renovación deste contrato sexa abordada e aprobada no correspondente Pleno municipal, e toda vez se produza a sinatura do correspondente contrato de prórroga.

 

Negociacións de mellora para a prórroga do contrato con FCC

Segundo establece o vixente contrato, a empresa FCC fixo un investimento inicial de 1.638.003,00 euros. Coa renovación deste contrato e coas melloras que se recollen, tras a negociación entre Concello e empresa, a inversión pasa a ser de 1.731.665,51 euros.

Do mesmo xeito, de todos os vehículos que conforman a flota neste momento, soamente se van a conservar os vehículos de transporte de cubos e o furgón de mantemento, valorados en 107.120 euros, dado que a súa vida útil é moito máis longa que os demais. Sendo substituído o valor destes vehículos por unha nova baldeadora de beirarrúas de alta presión, que ten un custe de 102.238,10 euros, para mellorar a limpeza das zonas peonís e tamén das beirarrúas, dado que é moi versátil.

Nestas melloras acadadas, o Alcalde tamén salientou que todos os demais vehículos e materiais vanse renovar, incluíndo a renovación de contedores do rural e da periferia e tamén os cubos que se retiran cada día na zona máis urbana.

Do mesmo xeito, Tomé Roca indicou que “na negociación que levamos a cabo, o Concello considerou necesario incluír na prórroga a posta en marcha dunha serie de servizos que consideramos de gran interese para mellorar o contrato e polo tanto o servizo. Nalgúns casos, trátase de mellorar os servizos xa existentes, mediante o incremento de frecuencias e o incremento de xornadas de traballo, mentres que noutros casos, trátase da posta en marcha de novos servizos que conlevan unha importante inversión, adquirindo maquinaria e equipos específicos para o desenvolvemento deses traballos”.

O Alcalde, tamén salientou que “outro elemento moi importante que conseguimos na negociación foi que manterase o prezo de recollida do lixo e limpeza viaria e tamén se manterá a revisión do IPC nos mesmos termos que hai agora, o 0,85% do IPC, así que non haberá ningún incremento de custe para os monfortinos que si van ver mellorado o servizo que se presta na actualidade”.

 

Inversións de mellora

Logo da negociación entre o Concello de Monforte e FCC as inversións necesarias que se van levar a cabo, e que virán incluídas na prórroga do contrato entre ambas entidades, son as seguintes:

  • Unha decapadora de alta presión tipo CMAR, por un importe de 187.614,50 €.
  • Un tractor de 120 C.V. con cabezal desbrozador, desbrozadora traseira e cuchilla frontal por importe de 79.707,07 €.
  • Un atomizador para posibles desinfeccións por valor de 5.000 €
  • Unha caixa autocompactadora de 20 metros cúbicos, de 23.587 €
  • E 13 transformacións de contedores soterrados de carga traseira a carga superior, cun custe de 198.691,74 €.

En total estas inversións para a mellora do servizo ascenden a case 500.000 euros, concretamente 494.600,31 euros.

Deste xeito, o resumo do cadro económico de investimentos que se van producir son sos seguintes:

  • Sumas de inversións actualizadas en 2020 de todos os equipos da oferta: 1.731.665.51€
  • Resto de equipos no renovados: -107.120,00 €
  • Equipo novo en substitución dos non renovados: 102.238,10 €
  • Equipos incorporados como mellora: 494.600,31 €

Isto supón un total inversións en 2020 de 2.221.383,92 €, cunha diferencia entre 2010 e 2020 de  + 583.380,78 €.

Servizos que se melloran

1- Optimización da recollida selectiva

Co obxectivo de eliminar os “cuellos de botella” na recollida selectiva para as distintas fraccións que a veces suceden, principalmente polos horarios fixados para descarga na Planta de Transferencia de SOGAMA, incorporando un novo vehículo Multivol (multivolume) cunha autocompactadora máis de 20 metros cúbicos de carga superior, este vehículo permitirá ter os residuos compactados e realizar o servizo sen depender dos horarios da Planta de Transferencia.

No caso da transformación das isletas soterradas, pasando de contedores de carga traseira a contedores de carga superior, permitirá aforro de traballo manual para adicalo a outras labores e reduce posibles derrames no lugar de operacións, o que reducirá manchas na superficie da rúa onde estean ubicadas.

2- Aumento de frecuencia de barrido manual motorizado en algunhas zonas

Ó longo do tempo, o Equipo de Goberno do Concello constatou que a frecuencia de barrido manual motorizada que hai actualmente de 3 veces por semana nas zonas da rúa Chantada, no entorno do Hospital e na zona da Estación, é escasa, polo que se van incrementar ata 6 veces á semana, o que supón duplicar a frecuencia coa que se viña facendo ata o de agora nos últimos 10 anos, “e que creemos que vai supoñer unha mellora importante para a limpeza destas zonas da cidade” destacou o Alcalde.

3- Servizo de lavado de contedores

Actualmente, no contrato con FCC recollíase que o lavado de contedores na periferia da cidade e nas parroquias era de 3 veces ó ano, que se realizaban nos períodos de febreiro-marzo, maio-xuño, e setembro-outubro.

“Dende o Equipo de Goberno, consideramos que era claramente insuficiente esta frecuencia de lavado e conseguimos aumentala en 4 veces máis, pasando de 3 a 7 os lavados de contedores da periferia e do medio rural, que se levarán a cabo durante todos os meses de verán e o resto repartido cada 2 meses” indicou Tomé Roca.

Concretamente, os lavados levaranse a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, por ser a época de máis calor, e as outras 3 veces levaranse a cabo en decembro, en febreiro e en abril.

4- Reforzo do barrido en festas e eventos

O Alcalde tamén destacou que “conseguimos na negociación coa empresa, incrementar o servizo de barrido para festas e eventos que organice o Concello, aumentándose en 15 xornadas, tanto de traballadores como de vehículos, destinados principalmente a Entroido, Feira Medieval, Festival do Viño e Festas Patronais, entre outros. Neste seno o noso obxectivo é o de mellorar a imaxe do entorno onde se celebren os eventos o antes posible”.

5- Mellora do servizo de barrido mecanizado en domingos e festivos

Co obxectivo de optimizar e mellorar o servizo de limpeza que se presta en domingos e festivos, vaise reforzar mediante a implantación dun servizo de barrido mecanizado, composto por un operario e unha barredora de aceiras e calzadas, o que supón unhas 65 xornadas anuais máis de traballo, para que durante as fins de semana e os días festivos, a limpeza sexa mellorada, sobre todo naquelas zonas máis sensibles pola actividade humana que se desenvolve nese entorno.

6- Mellora do servizo de baldeo mecanizado

-Incorporarase a este servizo unha baldeadora autopropulsada de 2 metros cúbicos para o baldeo específico de beirarrúas, co conseguinte incremento de rendemento e de aforro no consumo de auga, dado que traballa a alta presión, e vai permitir ter unhas beirarrúas máis limpas.

7-Incremento de puntos de recollida de cartón porta a porta

Por último, o rexedor municipal indicou que “viñemos observando ó longo deste tempo de goberno que se producen frecuentes acumulacións de cartón que non son depositados nos contenedores específicos.  Deste xeito, con este incremento de puntos de recollida adicionais pretendemos acercar este servizo ás que se denominan “áreas de aportación ou puntos de depósito de cartón”, e realizar deste xeito unha recollida máis eficaz, con menos impacto e cun mellor servizo”.

 

O Alcalde rematou a súa intervención salientando que “este acordo, que acadamos coa empresa FCC, creemos que é un bo acordo para o Concello, porque mantemos o prezo, mantemos o emprego, melloramos o servizo, aumentamos o investimento e aumentamos os servizos que prestamos ós veciños e ás veciñas de Monforte”.