O Alcalde de Monforte anuncia o inicio do procedemento de reposición da legalidade da N-120a

Monforte de Lemos, 28 de novembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, anunciou hoxe en rolda de prensa o inicio do procedemento de reposición da legalidade da N-120a, que será levado ó Pleno da Corporación Municipal do vindeiro luns 30 de novembro.

A proposta que se levará a Pleno será para iniciar o procedemento de revisión de oficio de acto nulo do convenio subscrito en 2009 entre o Ministerio de Fomento e o Concello para a transferencia da titularidade da estrada N-120a e da conexión entre a N-120a e a nova N-120.

En concreto, o 17 de outubro do ano 2009 asinouse un convenio na Casa Consistorial entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Monforte de Lemos polo que se asumía a cesión da estrada N-120a por parte do Concello e tamén se asumía a Ronda Urbana que aínda está sen construír.

Exposición de motivos

O texto literial do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Monforte, no primeiro parágrafo do considerando di “que  actualmente la red de carreteras del Estado en el término municipal de Monforte de Lemos, incluye 3,5 km de la carretera N-120 antigua, que con el paso del tiempo y el desarrollo económico ha quedado absorvida dentro del núcleo urbano de la ciudad y su entorno metropolitano, y la cesión sin cargo de la conexión entre la N-120a y la nueva N-120, con una longitud de 1.200 metros”.

No quinto parágrafo do mesmo considerando di textualmente “que el Ayuntamiento de Monforte de Lemos solicitó la cesión de la carretera por acuerdo del Pleno, al amparo de la orden ministerial de 23 de julio de 2001”. O Alcalde destacou “que este aspecto é falso”.

Na parte dos acordos do citado convenio, no punto segundo parágrafo primeiro di “el acta de cesión del tramo de la N-120 antigua del P.K. 523,000 al P.K. 526,500 se formalizará en el mismo momento de la firma del presente convenio por los representantes legitimamente designados al efecto”. Neste punto o rexedor municipal precisou que “o certo é que non se designou a ninguén por acordo de Pleno”.

Finalmente, no segundo parágrafo establece “una vez finalizadas las obras de conexión entre la N-120a y la nueva N-120, el Ayuntamiento de Monforte de Lemos asumirá la conservación y explotación del tramo”. Neste senso o Alcalde precisou que estas obras están sen construír.

 “Feitas as consultas xurídicas sobre a validez deste convenio, todo parece indicar que foi un acto nulo este convenio subscrito entre o Ministerio e o Concello, que no Pleno do vindeiro luns iniciaremos o procedemento de revisión de oficio do citado acto nulo” destacou o Alcalde.

 

Revisión do convenio para repoñer a legalidade

O Alcalde, na súa comparecencia indicou que “son varios os motivos que nos levan a esta revisión, e a intentar repoñer a legalidade neste asunto, dado que a maior parte da N-120a, non pertence ó casco urbano e polo tanto, non lle debe corresponder ó Concello de Monforte os custes de mantemento igual que non lle corresponde ó resto de Concellos polos que pasa o mantemento da citada estrada”.

Esta obra tampouco foi concluída na súa totalidade, posto que o plantexamento inicial que viña facendo Fomento xestionado polo entón Deputado autonómico José Tomé Roca, co Subdelegado do Goberno D. Jesús Otero e o Xefe de Demarcación de Carreteras en Galicia, D. Ángel González del Río, que consistía no arranxo da estrada entre Monforte e Pantón en tres partes con cargo á conservación de estradas, habéndose realizado naquel momento as dúas primeiras.

A primeira obra consistía nunha capa de rodadura dende o límite entre Monforte e Pantón ata o lugar do Curro en Ferreira, porque coincidía coa apertura do Balneario de Augas Santas, co fin de facilitar ó acceso ó referido balneario, para que a estrada tivera un bo firme.

Feito o anterior, a segunda actuación foi construír unha nova ponte sobre o río Cinsa ó final da recta de Distriz, para facilitar o paso de vehículos con seguridade, dado que a ponte que había era moi estreita e non permitía o paso conxunto de vehículos de certo volume.

O terceiro tramo era o arranxo de toda a recta dende o río Cinsa ata Monforte, e cando a Demarcación de Carreteras estaba redactando o proxecto de ampliación e mellora, así como o procedemento de expropiación de terreos, por parte do aquel entón Alcalde de Monforte, D. Severino Rodríguez Díaz, solicitou ó Ministerio de Fomento a sinatura dun convenio para que o Concello fose quen fixese o proxecto de obra e levara a cabo a contratación da mesma, con diñeiro procedente do Ministerio de Fomento e sen expropiar os terreos coa pretensión de que foran cedidos polos veciños.

Neste aspecto, Tomé Roca incidiu en que “o problema de todo isto é que o que se di no convenio é falso. A maior parte desa estrada que corresponde ó termo municipal de Monforte non é urbana, salvo que consideremos urbanos os invernadoiros de Piñeira e unhas casas de Distriz que están ubicadas ó longo da mesma. Así mesmo, o tramo de conexión entre a N-120a, e a nova N-120, é unha vía que non existe, polo tanto non se pode ceder algo que non hai nin sequera neste momento contratado.”

Ademais, esa estrada (N-120a) quedou moi insegura, con cunetas potencialmente perigosas e sen rematar as vías de servizo laterais.

“Sendo grave aceptar como un ben patrimonial municipal unha estrada que non existe, o realmente grave é, que o Concello de Monforte de Lemos non adoptou ningún acordo con estes obxectivos nin facultou ó Alcalde para a sinatura do convenio, a pesar de que está recollido no texto do citado convenio. E tampouco autorizou a cesión das dúas estradas, nin a antiga N-120, nin o tramo de conexión entre a N-120a e a nova N-120. E polo tanto o Alcalde non estaba facultado para realizar o acto que levou a cabo, nin sequera se legalizou con posterioridade levando a Pleno o convenio para ser validado” destacou o rexedor monfortino.

Deste xeito, levouse a cabo un acto administrativo que non foi conforme á legalidade, asumindo unhas competencias que non lle corresponde, por ser competencia do Pleno, dado que o Pleno do Concello non designou nin facultou a ninguén para asinar ese convenio nin tampouco foi validado con posterioridade.

“E o que xa é inconcebible é que se acepte a cesión dunha estrada que nin sequera están contratadas as obras e polo tanto tampouco se pode aceptar unha estrada que non existe” recalcou o Alcalde.

 

Proposta ó Pleno e pasos a seguir

No sesión ordinaria da Corporación Municipal de Monforte que se celebrará o vindeiro luns 30 de novembro, o Pleno pronunciarase sobre a proposta da Alcaldía baseada nun informe da Secretaría Xeral do Concello, onde establece os pasos a seguir para este procedemento de revisión de oficio de acto nulo, como foi a sinatura do Convenio entre o Ministerio e o Concello.

Deste xeito, os pasos que procede dar serían os seguintes:

-Primeiro.- Iniciar procedemento para a revisión de oficio acordado polo Pleno.

-Segundo.- Notificar o inicio do procedemento ós interesados para que no prazo de 15 días poidan presentar alegacións.

-Terceiro.- Dar traslado do expediente, unha vez rematado o trámite de Audiencia, ós servizos municipais para que informen no seu caso sobre as alegacións que se puideran presentar.

-Cuarto.- Remitir o expediente á Secretaría tras o informe técnico para que emita o correspondente informe relativo á proposta de resolución que proceda.

-Quinto.- Elevar a proposta a Pleno que de ser aprobado, solicitará dictamen do Consello Consultivo de Galicia, adxuntando a proposta de resolución.

-Sexto.- Recibido o dictamen do Consello Consultivo, dado o carácter preceptivo do mesmo, e elevalo a Pleno para adoptar o acordo definitivo.

-Sétimo.- O acordo do Pleno será notificado ós interesados para a tramitación que corresponda.

 

“A única pretensión que queremos é repoñer a legalidade e que o Concello de Monforte non teña que soportar cargas que non lle corresponden” concluíu o Alcalde.