O Alcalde de Monforte da a coñecer os actos que o Concello organiza arredor do 8M Día internacional da Muller

Monforte de Lemos, 29 de febreiro de 2020. O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller. As actividades, que foron presentadas hoxe polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, desenvolveranse ó longo do mes de marzo e contan con gran variedade de actos.

O rexedor municipal iniciou a súa intervención destacando que “dende o Equipo de Goberno de que eu presido sempre traballamos xunto ó movemento feminista, e seguiremos a traballar para facer realidade a igualdade entre homes e mulleres, para avanzar nos dereitos e liberdades das mulleres. O noso obxectivo é facer actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social y política das nosas vidas”.

A continuación, Tomé Roca deu conta da axenda de actividades que dende o Concello se veñen planificando nos últimos meses con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, ideadas dende a Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM).

-Proxecto Gira Mujeres: “Encontra a túa ruta”, que se desenvolverá o 4 e 5 de marzo no Centro Cívico está dirixido a mulleres de 18 a 60  anos, tanto de Monforte coma de toda a comarca. Este é un proxecto impulsado pola Fundación Coca Cola en colaboración coa Deputación de Lugo e co Concello de Monforte, para favorecer o empoderamento de 5 millóns de mulleres a través dunha formación especializada para guialas na toma de decisións da súa vida profesional e impulsar a súas ideas de negocio. Este obradoiro formativo desenvolverase en horario de mañá para mulleres desempregadas e emprendedoras (de 9:30 a 13.30), e en horario de tarde para mulleres empresarias (de 16 a 20 horas).

Durante a primeira sesión, “Atopa a túa voz”, traballaranse contidos que impulsen o empoderamento persoal das participantes (auto coñecemento e auto confianza), elementos necesarios para emprender ou potenciar os seus negocios. Ademais sensibilizarase ás mulleres da oportunidade que emprender pode supoñer ao seu futuro profesional, e como é importante repensar e adaptar os negocios para manteren  a súa competitividade no mercado.

A segunda sesión “Atopa o teu negocio”, será destinada a detectar posibles ideas e negocios que poidan dar resposta ás necesidades do territorio, ou a detectar as posibles carencias que os negocios das mulleres empresarias poidan ter. Así, traballarase máis directamente sobre as ideas ou proxectos das mulleres participantes, para sacarlles o máximo partido e que poidan marcar unha diferencia no seu entorno.

Despois da formación presencial, as mulleres que queiran poderán continuar coa segunda etapa “Inicia a túa viaxe”, poderano facer a través da plataforma web www.giramujeres.com.

-Obra de Teatro a cargo da Compañía Estudo Momento baixo o título “1879 Casa de bonecas”: que se representará o xoves 5 de marzo ás 20.15 horas no Edificio Multiusos, unha obra incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Obradoiros de Primaria. “Análise da miña realidade”: trátase dun proxecto de educación en igualdade na Escola Primaria, co obxectivo de chegar ao alumnado mediante estratexias lúdicas para que interioricen os valores fundamentais da igualdade e a corresponsabilidade, influíndo no seu proceso de socialización e tratando de eliminar os roles de xénero.

Nesta actividade que se desenvolverá nas propias aulas de cada un dos 6 centros de ensino de Monforte, en sesións aproximadas de 90 minutos, guiarase ó grupo a través de imaxes de televisión, publicidade, etc., e a través da música máis escoitada pola rapazada, para que analicen como desde crianzas estamos influenciadas e influenciados polos ideais sobre feminidade e masculinidade que nos transmiten a socialización de xénero. Trátase pois dun obradoiro práctico e de traballo grupal que rematará cantando as letras dalgunhas cancións machistas, co obxectivo, en verbas do Alcalde, “de que aprendan precisamente o que non debe ser”.

O obradoiro será impartido pola Educadora Social Noelia Rodríguez Alvarez, profesional cunha ampla experiencia e formación en xénero e igualdade e vai dirixido ao alumnado de 5º curso de tódolos centros de ensino de Monforte durante os días 5, 6, 12 e 13 de marzo:

  • Xoves 5 de marzo: 15:30-17:30 h- 5ºA CPR PP Escolapios
  • Venres 6 de marzo:
    • 9:00-10:50 h- 5º curso CPR Ferroviario.
    • 12:10-14:00 h- 5º curso CPR Torre De Lemos
    • 15:30-17:30 h- 5ºB CPR PP Escolapios
  • Xoves 12 de marzo: 15:00-16:45 h- CEE Infanta Elena
  • Venres 13 de marzo:
    • 10:00-11:45 h -5ºA CEIP Colexio Novo
    • 12:15-14.00 h- 5ºB CEIP Colexio Novo
    • 15:15-16:45 h- 5º curso CEIP A Gándara

-Exposición de pintura “Disconformes”, de Ana Ferreiro: Esta exposición de pintura ó óleo será inaugurada na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o venres 6 de marzo ás 20.00 horas e permanecerá exposta do 6 ao 20 de marzo .

Disconformes”, é unha mostra que nos emite unha pincelada de esperanza, forza e ilusión; cada obra ten unha historia que a pintora quere achegar ó público provocando sensacións, ideas e conclusións.

Ana Ferreiro naceu en Ribadavia E reside en Ourense dende 1994. Entre as súas últimas exposicións realizadas están a da Casa de Galicia en Madrid (2013), a Colectiva Centro de Estudios Chamoso Lamas - O Carballiño (2018), a do Museo Municipal de Ourense (2019), a Colectiva Galería Visol - Ourense (2019) e a Colectiva Centro de Estudios Chamoso Lamas - O Carballiño (2020).

-CONCENTRACIÓN POLO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: Co gallo do 8 de marzo “Día Internacional da Muller” o Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade, celebrará o acto institucional de dito día na Explanada da Compañía (diante das Casitas) o domingo 8 de marzo ás 13:00 h., unha concentración en prol da igualdade de mulleres e homes, onde a Concelleira de Muller e Igualdade procederá a lectura dun Manifesto.

-Visionado e entrega do conto “Inés Fernández, unha muller para o 8 de marzo”: Continuando co proxecto de colaboración que a Concellería de Muller e Igualdade a través do CIM mantén co colectivo “Lemosle de Monforte e Comarca” realizarase a presentación deste conto dixital  o luns 9 de marzo no salón de actos do Centro Cívico e farase entrega dos exemplares en papel do citado  conto. Asistirán os Centros de Ensino de Monforte e comarca, así como as Bibliotecas Municipais e escolares da zona en distintas sesións, ó longo das 11:30 h. ás 13:30 h.

-Curso de autodefensa persoal para mulleres: Ante a grande demanda existente nas sesión anterior deste curso, realizada no mes de novembro de 2019, a Concellería de Muller e Igualdade pon en marcha unha nova sesión desta actividade. Así, o curso desenvolverase no Centro Cívico Social en unha única sesión de mañá e tarde, o sábado 14 de marzo, de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas.

O obxectivo deste curso é dotar as mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero. Estará impartido por persoal instrutor de “Fegaloita” cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero. Para asistir ó mesmo deberá realizarse inscrición previa nas oficinas do CIM.

-XIII Xornada de Saúde na Muller: Continuando con estas xornadas, iniciadas no ano 2008 e que alcanzan a súa 13ª edición, nesta ocasión abordarase a temática sobre os problemas do sono, mediante a conferencia titulada ”O Sono. Os Sonos”, relatado por D. Emilio Rodríguez Sáez, Doutor especialista en Neurofisioloxía Clínica. A conferencia terá lugar o venres 20 de marzo as 20 horas no Centro do Viño.

O Alcalde resaltou esta actividade xa que “o doutor Rodríguez Sáez é un destacado especialista en Neorufixioloxía Clínica que nos vai aportar unha visión moi importante sobre os problemas do sono”. Licenciado en Medicina e Ciruxía pola Facultade de Mediciña de Santiago de Compostela. Tamén é Doutor en Mediciña por esta Universidade coa tese doutoral: "La Evolución de los Potenciales Evocados como Manifestación de la Maduración Neurológica". É especialista en Neurofisioloxía Clínica e traballa como médico adxunto do Hospital Xeral de Vigo. Foi Xefe de Servizo do Hospital Xeral de Vigo, e tamén do Hospital Álvaro Cunqueiro, así como fundador e coordinador da Unidade do Sono nestes dous hospitais. Pertence ademais á Sociedad Española de Neurofisiología Clínica, á Sociedad Española del Sueño (membro da súa xunta directiva, antiga AIPS) e á European Sleep Research Society.

-Obradoiros de Secundaria: “A Cuarta Ola: contra a violencia sexualque serán desenvoltos por Townada Rebels, unha canle de comunicación feminista formado pola actriz e xornalista Teresa Lozano e a tamén actriz e humanista, Zua Méndez. Comezaron o seu activismo feminista coas ferramentas que tiñan ao  seu alcance: un móbil, un ordenador para editar, as redes sociais e o máis importante, miles de ideas e un desexo de comunicar  e de mudar o que lles revolvía no más profundo a sociedade patriarcal.

Realizaranse así dúas sesións do obradoiro “A Cuarta Ola: contra a violencia sexual” dirixido a todo o alumnado de 4º da ESO e 1º de BAC de todos os Centros de Ensino de Monforte, o luns 23 de marzo de 11.30 a 13.30 e o martes 24 de marzo de 9.00 a 11.00 horas na Casa de Cultura de Monforte.

Ao longo destas sesións traballaranse co alumnado contidos como a imposición do xénero, mitos do amor romántico, a cosificación do corpo das mulleres, a cultura da violación, a pornografía como escola desigualdade…co obxectivo ultimo de informar, previr e sensibilizar sobre as violencias sexuais.

O luns 23 de marzo ás 19.00 horas na Casa da Cultura, contando novamente coas Towanda Rebels, terá lugar unha charla-encontro sobre a mesma temática dirixida ao público en xeral e especialmente á comunidade educativa (profesorado e familias).

Esta actividade está financiada con cargo ós créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia Relaciones con la Cortes e Igualdad, a través de la Secretaría de Estado de Igualdad.

-“A compañeira de piso” da Compañía de teatro Contraproducións: representación teatral que terá lugar no Edificio Multiusos o xoves 26 de marzo ás 20:15 horas, unha obra incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O Alcalde concluíu a súa intervención destacando que “organizamos un amplo e completo abano de actividades, dirixidos a todos os estamentos da nosa sociedade, porque dende o Equipo de Goberno do Concello queremos unha sociedade paritaria e participativa, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito, unha sociedade que camiñe cara á igualdade real e efectiva”. E neste senso, animou a “todos os monfortinos e monfortinas a que participen nestas actividades e quero convocalos especialmente a que nos acompañen ese domingo 8 de marzo diante das Casitas para celebrar o Día Internacional da Muller”. E rematou desexando que “chegue o día en que non faga falta reivindicar nada disto”.