O Alcalde de Monforte informa da mellora da Rúa As Cruces

Monforte de Lemos, 5 de agosto de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou do inicio, na xornada de onte, dunha importante obra de mellora que afecta á rúa As Cruces. “Nesta vía non se levaron a cabo actuacións dende hai anos, polo que presentaba un firme moi deteriorado. É por este motivo, que dende o Equipo de Goberno decidimos acometer a rexeneración do mesmo”, sinala o rexedor municipal. A previsión é que os traballos de asfaltado rematen na xornada de hoxe.

En concreto, a zona de actuación comprende un tramo da rúa As Cruces, en particular, o que vai dende o seu inicio na rúa Chamoso Lamas, ata a altura da última parcela con vivenda con acceso dende a vía. Os traballos de mellora leváronse a cabo nunha lonxitude de 395 metros e sobre unha superficie de 2.817 m2.

Esta obra de mellora foi adxudicada á empresa Ovisa S.L.U por un importe de 29.030,85 euros.

Actuacións levadas a cabo na rúa As Cruces

As obras e actuacións de mellora para a rexeneración do firme da rúa As Cruces consistiron, en primeiro lugar, no rebaixe e planeo de caixa con retroexcavadora das zonas en terra, para o seu posterior reenchido con zahorra artificial que se compactou, así como o refino e posterior planeo das zonas da rúa que así o necesitaron.

Do mesmo modo, cubriuse a taxea existente na marxe dereita do tramo final da vía, para o que se alongou a condución de pluviais en tubo de formigón existente. Procedeuse tamén á eliminación dunha rampla de acceso a unha propiedade, e levouse a cabo unha limpeza manual do bordo do resto da vía.

Á vez, co fin de regularizar a superficie da rúa co das vías adxacentes, aplicouse un fresado do pavimento no entronque coas rúas Chamoso Lamas, Río Miño e Antonio López Ferreiro, así como, no final da zona de actuación, na súa unión co tramo da rúa sobre o que non se actúa.

Posteriormente, procedeuse ó varrido do pavimento existente por medios mecánicos de toda a superficie, consistente nunha limpeza enérxica mediante cepillo de arame, tras o cal, aplicouse unha capa de aglomerado en quente tipo D-12, de 4 cm. de espesor, con ligante B60/70, estendido e compactado, previa aplicación dun rego de adherencia con 1 kg. de emulsión tipo ECR-1. Neste aspecto, tamén se procedeu ó bacheo previo nas zonas en que foi necesario, aplicando o mesmo aglomerado.

Antes do pintado das liñas continuas e descontinuas, así como liñas de borde, cebreados e símbolos horizontais correspondentes á rúa As Cruces, que será levado a cabo nos vindeiros días, procederase ó recalce e levantado de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros e demais elementos existentes na calzada, ata o novo nivel do pavimento. Para o pintado dos elementos de sinalización horizontal utilizarase pintura reflexiva e microesferas de vidro.

Para rematar, tamén se instalará un sinal vertical de STOP no seu enlace coa rúa Chamoso Lamas.