O Alcalde recibe á nova Inspectora Xefa-Xefa da Comisaría de Monforte

Monforte de Lemos, 29 de xullo de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, na mañá de hoxe deulle a benvida en recepción oficial á nova Inspectora Xefa-Xefa da Comisaría de Monforte de Lemos, Mónica Gutiérrez González, que veu acompañada polo Inspector-Xefe da Policía Xudicial, José Manuel Araujo Fernández, e o Inspector-Xefe de Seguridade Cidadá, José Manuel Rodríguez García.

No transcurso da recepción o Alcalde e os representantes da Policía Nacional en Monforte departiron sobre aspectos relacionados con seguridade cidadá, coas competencias e principais ámbitos de actuación da Policía Nacional en Monforte, así como outros aspectos relacionados con actuacións na cidade e nas 26 parroquias do Concello, en especial as referidas ó momento actual de crise derivada da pandemia da Covid-19.

O rexedor municipal destacou tamén a estreita colaboración existente entre a Policía Nacional e a Policía Local en Monforte, e rematou desexando á Inspectora Xefa e ó seu equipo moita sorte nesta nova etapa que comeza ó servizo dos cidadáns de Monforte.

 

Mónica Gutiérrez, nova Inspectora Xefa-Xefa de Comisaría da Policía Nacional en Monforte

Mónica Gutiérrez González convértese na primeira muller que asume oficialmente o mando dunha Comisaría da Policía Nacional na provincia de Lugo, e deste xeito, tamén na cidade de Monforte.

A nova inspectora xefe de Monforte é natural de Santander. Ingresou no Corpo Nacional de Policía no ano 2002. É licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía e ascendeu a inspectora xefa en 2018.

Antes de asumir a xefatura da Comisaría de Monforte de Lemos estaba destinada, desde 2015, na División de Formación e Perfeccionamento do Centro de Altos Estudios Policiais.

Ademais, durante sete anos, traballou na Oficina Central de INTERPOL, na sección de Cooperación Xurídica Internacional.

Con anterioridade, formou parte da Brigada de Investigación Tecnolóxica da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, na Comisaría Xeral de Policía Xudicial, e previamente estivera destinada na Xefatura Superior de Policía de Cataluña.

No seu historial profesional figura a participación en importantes servizos sobre a desarticulación de grupos criminais de carácter internacional dedicados ás falsificacións de tarxetas, tráfico ilícito de vehículos, roubos, etc., polo que ten recibido 49 felicitacións públicas e 2 Cruces ao Mérito Policial con distintivo branco. Ademais, recibiu o agradecemento da INTERPOL durante a operación Infra-Américas 2013 e prestou servizos no Proxecto Ameripol no mesmo ano.

Tamén é autora de artigos sobre o Código Ético da Policía Nacional e Pensamento estratéxico na Policía Nacional, publicados nas revistas “Policía” e “Ciencia Policial”, respectivamente.