O Concello construirá unha pista de Skate na Compañía

Monforte de Lemos, 28 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que Monforte contará cunha pista de skate que se construirá no entorno do Parque da Compañía.

O Alcalde destaca que “no Concello somos conscientes de que, entre as actividades deportivas que a poboación xuvenil do municipio está a demandar, atópase a práctica de deportes urbanos, en especial do Skate. Detectada esta necesidade, e carecendo actualmente a nosa cidade de instalacións específicas para a súa práctica, dende o Concello imos proceder, nos vindeiros días, a licitar o proxecto para a construción dunha pista de Skate, polo que dotaremos ó municipio dunha nova oferta de lecer deportivo, especialmente orientada á súa poboación máis nova”.

Para a súa ubicación, o Equipo de Goberno do Concello escolleu un espazo existente dentro do denominado Parque da Compañía, no que en tempos se localizaba unha Rampa U ou medio tubo de Skate, entre o xardín e a pista polideportiva do Parque.

O Parque da Compañía atópase situado na zona centro do casco urbano de Monforte, ó suroeste do mesmo, sendo dos lugares que acapara unha maior actividade da cidade, sobre todo no referente ao esparcemento e lecer da poboación, así como á presenza de turistas, o que fai que as súas áreas de xogo sexan as máis utilizadas pola poboación máis nova. Todo isto fai que constitúa dentro do municipio un lugar óptimo para a instalación dun equipamento deste tipo.

En particular, o espazo onde se situará a nova pista de Skate, conserva a antiga soleira de formigón sobre a que se situaba a Rampa U, que non está en bo estado de conservación, e que conta ademais con varios aparellos de exercicios de barras ou musculación ó aire libre, que serán recolocados nun novo espazo dentro do Parque, unha vez se acometa a obra nova pista de Skate.  

 

Nova pista de Skate

A pista de Skate de Monforte contará cunha combinación de módulos de rampas e tobogáns, así como tubos e railes “grindrails”, que permitirán a realización de gran variedade de trucos ós afeccionados á práctica deste deporte.

A zona onde se ubicará a pista sitúase na parte media do extremo sur do Parque da Compañía, no espazo existente ó suroeste da pista polideportiva, onde se atopan instalados unha serie de aparellos de exercicios de musculación ao aire libre e no que existe unha vella solera de formigón, dando fronte todo iso á rúa Paseo de Lugo.

A construción da pista de Skate proxéctase sobre unha superficie duns 253 m2, á que hai que engadir as zonas anexas das súas marxes que deberán ser reacondicionadas e nas que se recolocarán os aparellos de exercicios de musculación.

O Concello de Monforte destina para a construción desta nova infraestrutura municipal 77.096,51 euros e para a execución dos traballos que a continuación se describen, unha vez adxudicada a obra, estímase un prazo de 8 semanas.

 

Actuacións previas

Primeiramente, retiraranse os aparellos de exercicios de musculación existentes no lugar, preservándoos para a súa posterior recolocación nas marxes da pista de Skate, trala construción desta.

Demolerase a soleira de formigón existente no lugar, eliminarase a árbore existente próxima á soleira, xa que está situada sobre o terreo destinado a ubicar a pista de Skate.

Para finalizar, practicarase un rebaixe do terreo da superficie da pista de Skate para a instalación da solera de pavimento de formigón da súa base, de dimensións 23x11 m. E 5 cm. de profundidade, debendo quedar o fondo da zona rebaixada perfectamente perfilado.

Pavimentos

A continuación, procederase á creación do pavimento continuo de formigón da pista de Skate, para o asento dos seus módulos de xogos (rampla, tobogáns,...) e a superficie de rodamento entre eles; ademais do acondicionamento das súas marxes.

O acabado final deste pavimento de formigón será alisado, e a desviación das pendentes lonxitudinais e transversais non poderán ser maiores a 5mm.

Unha vez rematado o pavimento anterior, reacondicionaranse as marxes da súa solera, mediante o estendido e compactado manual dunha capa uniforme de zahorra artificial ZA-25, de 5 cm. de espesor mínimo.

Equipamento

Todos os módulos da pista de Skate axustaranse ó disposto pola normativa UNE EN 174974:2006 A1:2011: “Instalacións para usuarios de equipos de deportes sobre rodas. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio”. Na súa montaxe e instalación seguirase esta norma.

Os módulos de patinaxe e os elementos e materiais que os constitúen deberán cumprir as especificacións técnicas seguintes:

  • Estarán feitos con materiais resistentes ás condicións de intemperie e ós impactos. Os elementos metálicos serán de aceiro galvanizado en quente, debendo estar todas as soldaduras protexidas con tratamento galvanizado.
  • A tornillería a empregar na súa montaxe será de aceiro inoxidable, con rosca asimétrica que ofrece maior subxección e cabezal anti-vandálico para previr que poidan ser desmontados.
  • Os módulos de inicio e final do circuíto, a situar nos extremos da pista, dispoñerán nas súas partes altas de barreiras de seguridade de aceiro galvanizado en quente, con barras sólidas verticais para a contención dos patinadores nos seus voos.
  • Todos os módulos estarán totalmente pechados con laterais de chapa de aceiro galvanizado provistos de buracos de ventilación, para previr a acumulación de residuos e accesos indesexados, que irán apoiados sobre tiras de HPL, evitando o contacto directo dos laterais co chan e permitindo á súa vez unha boa ventilación do interior dos módulos.
  • As rampas e demais superficies de rodadura estarán conformadas por taboleiros de madeira ignífugos que non absorban a auga, con alta resistencia ós impactos e superficie non abrasiva, para evitar posibles queimaduras na pel dos patinadores ó rozarse con esta. Baixo a superficie de patinaxe deberá haber unha capa de polipropileno reforzado con fibra de vidro para a redución do ruído.
  • As rampas e tobogáns terán no seu inicio un tubo metálico coping, de aceiro galvanizado diámetro 60 mm. e 4 mm. de espesor, para grindear. O seu encontro coa solera de formigón realizarase mediante chapa metálica toeplates, igualmente, en aceiro galvanizado en quente, de 3 mm.
  • As rampas e tobogáns en todos os seus bordos, xuntas e unións, dispoñerán de perfís de aceiro galvanizado de 5 mm, montados de forma aliñada coa superficie de skate para a  protección dos patinadores e para facilitar o seu deslizamento na pista.
  • As barras de raíl “grindrails” serán de tubo metálico (redondo ou rectangular) de aceiro galvanizado en quente de 4mm. de espesor, sen aristas vivas e terán o seu final curvado cara abaixo para minimizar o efecto dun posible impacto.

En canto ós aparellos de exercicios de musculación, que son 6, colocaranse na súa nova ubicación dentro de zona anexa á pista de Skate reacondicionada durante a obra. Para iso, realizarase o reformulo das fixacións dos aparellos, abrindo para cada un dos seus puntos de fixación un oco de cimentación de ancho 15x15 cm. e profundidade segundo determine o elemento de fixación, poste ou estrutura de anclaxe, con posterior formigonado de dita fixación colocada aplomada no oco. Finalizando todo coa montaxe definitiva dos aparellos e o acondicionamento da superficie da base do aparello en zahorra, de forma que non quede ó descuberto a cimentación creada.

 

“O Equipo de Goberno” conclúe o Alcalde, “segue a levar a cabo obras de mellora nas infraestruturas urbanas da cidade, e neste caso, dotando dun novo equipamento que era moi demandado pola xente nova de Monforte. O compromiso que mantemos cos monfortinos e monfortinas segue a ser firme, e seguiremos apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas á nosa cidade, atendendo ás necesidades de todos os colectivos.”