O Concello de Monforte adxudica a subasta relativa ós vehículos retirados da vía pública ó longo de vinte anos

Monforte de Lemos, 10 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar das xestións realizadas dende o Concello para a adxudicación da subastas de 3 lotes correspondentes a vehículos abandonados retirados das rúas da cidade, a vehículos en desuso propiedade do Concello, así como de chatarra procedente das antigas casetas da Escola-Obradoiro da Pinguela,  e outros restos metálicos doutras instalacións municipais.

Cabe destacar, en verbas do Alcalde, “adxudicamos a subasta para envío a desguace dos vehículos abandonados que se foron recollendo das rúas da nosa cidade ó longo dos últimos vinte anos. Non temos constancia de que se levara a cabo dende o Concello unha acción deste tipo en moito tempo.”

“Neste senso”, continuou José Tomé Roca, “liberamos do noso depósito de almacenaxe 24 vehículos aos que hai que engadir, noutro lote que tamén adxudicamos por subasta, 3 vehículos en desuso que eran propiedade do Concello”.

 

Recollida de vehículos abandonados nas rúas de Monforte

O primeiro dos lotes que o Concello sacou subasta para a súa destrución e descontaminación, corresponde a vehículos abandonados retirados da vía pública polo Concello ó longo dos últimos vinte anos.

En concreto, trátase dun lote de 24 vehículos, dos cales 22 son turismos, ós que se engaden unha motocicleta e unha furgoneta.

Este lote foi finalmente adxudicado á empresa DESGRU Monforte S.L. por un total de 1.740 euros.

Con esta acción, o Concello libera así do seu depósito un volume de vehículos certamente importante, ó que lle da saída co fin de que sexan tratados axeitadamente para a súa destrucción e desinfección.

 

Vehículos en desuso propiedade do Concello

Nun novo lote, o Concello incluíu para subasta vehículos municipais en desuso, en concreto 2 motocicletas e un vehículo todoterreo.

Este segundo lote foi adxudicado por 212,85 euros a José Luis Armesto Castro.

 

Xestión da chatarra procedente da Escola-Obradoiro e doutras instalacións municipais

O terceiro dos lotes conformou o Concello de Monforte foi o composto por restos metálicos e de madeira procedentes de diversas instalacións municipais.

En concreto, gran parte do lote está composto por chatarra procedente das vellas casetas da Escola-Obradoiro da Pinguela, ás que hai que engadir outros restos metálicos xerados nas diferentes obras de mellora levadas a cabo en dita Escola-Obradoiro ó longo dos últimos tempos.

Tamén neste lote incluíuse unha báscula antiga utilizada polo Concello para o peso de materiais de desescombro, a cal estaba almacenada na nave municipal do Polígono industrial.

Do mesmo xeito, xuntouse neste lote diverso material procedente dos servizos de reparacións eléctricas do Concello. En concreto, restos de farolas vellas deterioradas ou substituídas, así como 240 kg de cable de cobre e 140 kg de cable de aluminio.

Esta partida, incluíu finalmente tamén sinais viarias deterioradas, en desuso ou rotas por accidentes de circulación, así como outro tipo de restos metálicos procedentes de actuacións de reparación e mellora levadas a cabo polo Servizo de Obras do Concello.

Este lote de chatarra metálica foi finalmente levado a subasta e foi adxudicado á empresa GAIR, Gallega Integral de Residuos S.L.,  por ofertar un mellor prezo por tonelada dos diferentes residuos especificados (chatarra nº 1, a 120 €/tonelada; chatarra nº 2, a 70 €/tonelada e chapajo a 28 €/tonelada).