O Concello de Monforte anuncia que mañá abre o prazo para a solicitude de axudas destinadas a asociacións de carácter social

Monforte de Lemos, 13 de outubro de 2020. O Concello de Monforte informa hoxe o Boletín Oficial da Provincia (BOP) ven de publicar as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións inscritas no Rexistro municipal de Asociacións, que realicen actividades de carácter social no exercicio 2020.

Polo tanto, o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles dende o día seguinte a publicación desta convocatoria no BOP, é dicir, que será dende mañá día 14 e ata o 27 de outubro.

Esta convocatoria pública ten por obxecto regular o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva  destinadas a entidades e asociación sen ánimo de lucro que realicen proxectos de prestación de servizos sociais no Concello de Monforte de Lemos para o ano 2020. As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “con esta liña de axudas, reafirmamos o noso compromiso coas persoas e cos servizos sociais, que son unha prioridade para este Equipo de Goberno, e aínda máis se cabe debido á difícil situación pola que estamos a atravesar derivada da pandemia da Covid-19”.

Deste xeito, o obxectivo do Equipo de Goberno é fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social previamente inscritas no Rexistro municipal de asociacións atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para o ano 2020 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de subvención por entidade. O importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 70% do seu orzamento.

 

Requisitos e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de iniciativa social ás que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio no ámbito dos servizos sociais e que soliciten subvención con cargo a esta convocatoria e reúnan á finalización do prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

  1. Ter a súa razón social ou sede no Concello de Monforte de Lemos.
  2. Carecer de ánimo de lucro.
  3. Estar inscrita no Rexistro municipal de asociacións do Concello de Monforte de Lemos como asociación de clase asistencial.
  4. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Seguridade Social e Axencia Tributaria.
  5. Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  6. Que a actividade para a que solicitan a subvención estea prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais.
  7. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
  8. Que a actividade para a que solicitan a subvención estea prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais e se realicen no termo municipal de Monforte.

Todos estes requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Quedan excluídas para estas subvencións, as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.

 

Actividades obxecto de subvención

Son obxecto de subvención o desenvolvemento de actividades e proxectos de carácter social que teña como persoas destinatarias últimas calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias dos servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas que por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade de poboación de precisen dunha atención específica para garantir o acceso a calidade de vida e participación social.

Inclúese con carácter excepcional na presente convocatoria o financiamento de actividades, material ou outros gastos extraordinarios ocasionados pola crise sanitaria da Covid-19 en relación co funcionamento dos centros e a realización de programas de inclusión social da súa titularidade.

 

Presentación de solicitudes e prazos

As entidades interesadas deberán presentar as solicitudes de acordo cos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos, nos servizos sociais comunitarios ou na web www.monfortedelemos.es, unha vez abra o prazo para a presentación das mesmas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte á  publicación do extracto da convocatoria  no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Polo tanto, unha vez publicadas no día de hoxe no BOP, o prazo será dende mañá día 14 e ata o 27 de outubro.