O Concello de Monforte conmemora hoxe o Día Mundial contra o Cancro de Mama

Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2020.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu hoxe, dentro dos actos conmemorativos do Día Mundial contra o Cancro de Mama, ás representantes da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Monforte, para manifestar, en nome de todos os veciños da cidade, o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade.

Deste xeito, o rexedor municipal, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, departiu coa Delegada da AECC en Monforte, María Luisa Sobrino, quen acudiu acompañada pola psicóloga da asociación, Arantxa Vidal, e pola traballadora social, Rocío Fernández.

No acto, as representantes da AECC fixéronlle entrega ó Alcalde da camiseta conmemorativa deste día tan especial, coa que posaron en foto de grupo, baixo o lema “#sacapechoporellas”.

Ademais, na noite de hoxe, o Concello de Monforte, en sinal de apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade, iluminará a Torre da Homenaxe de San Vicente de cor rosa.

Cada ano, o 19 de outubro celébrase o Día Mundial Contra o Cancro de Mama como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra esta enfermidade. Deste xeito, o obxectivo desta conmemoración é concienciar á sociedade da importancia da investigación e o diagnóstico precoz desta enfermidade, que é o tipo de tumor máis frecuente en mulleres.

Neste senso, o  Alcalde recordou que “dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de rosa a Torre da Homenaxe, pois cancro de mama é o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais e en España diagnostícanse ó redor de 33.307 novos cancros de mama ó ano”.

Por esta razón, o Concello de Monforte sumarse ó chamamento da Asociación Española contra o Cancro (AECC), asociación que dispón dunha serie de servizos e programas para a atención integral das persoas con cancro de mama. Dende a AECC destácase á necesidade de informar, xa que o cancro de mama é unha enfermidade grave, pero pódese curar si se detecta a tempo. A AECC tamén ofrece servizos como atención psicolóxica, atención social e acompañamento.