O Concello de Monforte fai entrega ó Asilo de anciáns de diverso material de protección ante o COVID-19

Monforte de Lemos, 28 de marzo de 2020. O Alcalde de Monforte e o seu Equipo de Goberno son conscientes de que uns dos colectivos máis esquecidos durante a pandemia do COVID-19 é o que afecta tanto ó persoal coidador coma ós residentes dos centros xeriátricos e de anciáns.

Deste xeito, sabedores das carencias de material de protección polas que atravesa o Asilo de Anciáns “Fogar de San José” de Monforte, na mañá de hoxe, dende o Concello fíxoselle chegar ós responsables do mesmo, unha serie de elementos indispensables para garantir a protección do persoal que está a prestar servizos e coidados ás persoas maiores que están ingresadas en dito centro.

En concreto, o material doado polo Concello ó Asilo de Anciáns foi o seguinte:

  • 100 mascarillas.
  • 200 toallitas de solución hidro-alcohólica.
  • 4 botes de litro e medio cada un de xel hidro-alcohólico.
  • 9 gafas de protección, reutilizables.
  • 10 buzos
  • 3 caixas de guantes, de 100 unidades canda unha.

Esta relación de material de protección entregada por persoal do Concello ó Asilo de Anciáns de Monforte, forma parte dunha partida adquirida durante os primeiros días da crise do Coronavirus polo Concello monfortino, en previsión de que colectivos coma este puideran necesitalo ó longo dunha crise que se prolonga no tempo e para a que é necesario contar en todo momento con medidas de protección, a fin de evitar ó máximo posible o espallamento do virus e as mortes por el propiciadas.

Neste senso, o Alcalde  da cidade, José Tomé Roca, sinalou que “o Equipo de Goberno deste Concello traballa a diario para detectar as posibles necesidades dos diferentes colectivos da cidade, especialmente os máis desfavorecidos  e con dispoñibilidade de menos recursos, a fin de poder axudalos a combater de xeito máis eficaz a expansión do COVID-19”.