O Concello de Monforte informa da recollida de plásticos agrícolas nas parroquias prevista para o vindeiro luns 15 de xuño

Monforte de Lemos, 11 de xuño de 2020. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o vindeiro luns 15 de xuño vaise levar a cabo a recollida de plásticos agrícolas nas parroquias do municipio. A data elixida para esta actuación coincide coa época na que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes basicamente do ensilado de herba.

A recollida de plásticos agrícolas levarase a cabo dende primeira hora da mañá e ó longo de toda a xornada, nos lugares que a continuación se especifican:

  • Marcelle (campo da festa)
  • Gullade, Nocedas e Penela (Saída das Nocedas a Gullade, antigo parque infantil)
  • Vilamarín (campo da festa)
  • Santa Mariña e Caneda (Campo da Pousa)
  • Bascós, Chavaga  e Sindrán (Local Social de Bascós)
  • Reigada e Fontes (Praza Mourelo)
  • Piñeira (Listo)
  • A Parte e Valverde (Barrete Proveiros)
  • Chao do Fabeiro (Campo da festa)
  • Moreda, San Xoán, San Xulián e Seoane (Local social de San Xoán)
  • Fiolleda (Carretera a Currelos)
  • Baamorto (Campo de Fútbol)

O plástico deberá depositarse dobrado e atado, para facilitar o seu manexo e evitar a súa dispersión, os días previos ó da recollida (sábado 13 e domingo 14 de xuño), nos lugares anteriormente sinalados e habilitados para tal fin.

O Alcalde precisa que “este servizo de recollida de plásticos agrícolas non ten ningún custe para os agricultores e gandeiros e, ademais, contribúe de xeito importante á conservación do medio ambiente. Trátase da duodécima recollida deste tipo levamos a cabo dende o Concello de Monforte, logo de que a primeira recollida fora efectuada no ano 2008”.

O custo deste servizo, contratado coa empresa XIMA, será asumido exclusivamente polo Concello de Monforte. A recollida realizarase en tódalas parroquias que xeran plásticos e, dende alí, trasladaranse ata o punto de reciclaxe.

Os pedáneos das diferentes parroquias foron informados hai uns días polo propio Alcalde  desta recollida de plásticos agrícolas e dos lugares e a data na que se vai realizar, resultando fundamental a súa colaboración, tal e como sucedera nas anteriores recollidas, para acadar unha gran efectividade.

Dende o Concello de Monforte anímase ós labregos a participar na recollida e a achegar os plásticos agrícolas ós lugares indicados que lle queden máis próximos. Neste senso, cabe resaltar que as anteriores recollidas de plásticos agrícolas nas parroquias de Monforte tiveron unha gran resposta por parte de agricultores e gandeiros.

Por outra parte, tamén se recorda que outro xeito que se pode levar a cabo para a eliminación destes residuos agrícolas é achegalos ó Punto Limpo do Concello en calquera data do ano.

“Dende o Concello”, concluíu o Alcalde “queremos agradecer a preocupación dos labregos e gandeiros por eliminar correctamente este tipo de residuos e, deste xeito, contribuír ó coidado e mellora da nosa contorna ambiental. Así mesmo, agradecemos o traballo realizado polos pedáneos para difundir entre os seus veciños a existencia deste servizo”.