O Concello de Monforte informa sobre o dispositivo de tráfico por mor da misa de San Blas na Igrexa de A Régoa do vindeiro luns 3 de febreiro

Monforte de Lemos, 30 de xaneiro de 2020. O Concello de Monforte informa sobre o dispositivo de tráfico que se desenvolverá o vindeiro luns 3 de febreiro con motivo da misa de San Blas, que terá lugar na Igrexa de Santo Domingo (A Régoa) ás 11 horas.

A celebración do San Blas trasládase á igrexa da Régoa debido as obras de restauración que se están a levar a cabo na igrexa de San Vicente, que é onde habitualmente se celebra esta festividade.

Por elo, ante a previsión dunha elevada afluencia de asistentes e tendo en conta que a ubicación da mesma é en zona de escasa capacidade de estacionamento e con acceso mediante vías estreitas, resulta necesario adoptar unha serie de medidas de ordenación do tráfico en canto á circulación e estacionamento para garantir no posible a fluidez e a seguridade de todos os usuarios.

Deste xeito, e segundo o informe elaborado pola Policía Local de Monforte, informamos das seguintes medidas que se tomarán o vindeiro 3 de febreiro:

  1. Supresión do estacionamento de vehículos no atrio da igrexa da Régoa e na baixada ó mesmo dende a rúa Santo Domingo, dende as 8 da mañá ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.
  2. Supresión do estacionamento de vehículos no tramo da rúa Santo Domingo comprendido entre o inicio da mesma (Taberna KM 0) ata a porta da Alcazaba, dende as 8 da mañá ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.
  3. Supresión do tráfico rodado na baixada e atrio da igrexa da Régoa en dirección Costa da Pena dende aproximadamente as 10:30 horas (podendo adiantarse si a afluencia de persoas o esixe) ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.
  4. Establecemento dunha única dirección de circulación de vehículos na rúa Santo Domingo que será entrando dende a Praza de Abastos pola rúa Ricardo Quiroga, dirección San Vicente, e saíndo por Campo da Virxe e rúa Real, dende aproximadamente as 10:30 horas (podendo adiantarse si a afluencia de persoas o esixe) ata a finalización da misa e a evacuación das persoas asistentes.
  5. O estacionamento farase no tramo superior da rúa Santo Domingo, na marxe dereita en sentido subida (entre a Porta da Alcazaba e o Campo da Virxe), no propio Campo da Virxe e na subida a San Vicente.
  6. Todo o dispositivo sinalizarase mediante sinais verticais e vallas e haberá efectivos da Policía Local para ordenar a circulación mentres dure o evento.