O Concello medirá a temperatura corporal das persoas que accedan ás dependencias municipais

Monforte de Lemos, 13 de xuño de 2020. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte segue a traballar para garantir as medidas sanitarias e de seguridade que permitan unha  adecuada evolución dentro do Plan para a Transición cara unha Nova Normalidade por mor do COVID-19.

Deste xeito, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que a partir deste luns 15 de xuño, os principais edificios municipais disporán de cámaras termográficas para o control da temperatura corporal de todas as persoas que que teñan que acceder ás diferentes dependencias e departamentos municipais. Para elo, o Concello adquiriu 7 cámaras térmicas con forma de pistola que serán distribuídas nas diferentes dependencias municipais.

Así, o control de temperatura levarase a cabo na Casa Consistorial, nas oficinas municipais das Casitas, no Edificio Multiusos, no Centro Cívico do Malecón, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, na Biblioteca Municipal e na Unidade Asistencial de Drogodependencias.

O Alcalde resalta que “o noso obxectivo é implementar as medidas necesarias para asegurar unha reanudación das actividades nun contexto de máxima seguridade, dentro desta nova normalidade, para evitar así novos contaxios de COVID-19”.

“A través destas cámaras térmicas que escanean en cuestión de segundos a temperatura corporal, poderemos contar cunha nova ferramenta que garanta a seguridade dos usuarios que accedan ás diferentes instalacións municipais e do persoal que traballa nas mesmas”, continuou o rexedor municipal.


Xornada formativa do persoal do Concello para o manexo das cámaras térmicas

Cámaras térmicas para a medición da temperatura corporal

O Equipo de Goberno do Concello optou pola adquisición de 7 cámaras termográficas destinadas ós diferentes edificios municipais que xa comezan a rexistrar unha afluencia de usuarios constante en atención presencial, como poden ser as oficinas da Casa do Concello ou das Casitas, e tamén para o resto de edificios, que coa volta á nova normalidade irán retomando as súas actividades habituais.

As cámaras térmicas, que teñen forma de pistola, contan cun sistema es capaz de analizar, con gran precisión, a temperatura corporal, podendo detectar casos de febre en poucos segundos, como medida de contención do Covid-19.

Cada cámara está dotada cunha cámara dotada cun lente infravermello e unha pantalla LCD de 10.800 píxeles, coas que a persoa que a manexa pode apuntar e encadrar en dita pantalla á persoa que se lle queira medir a temperatura. Os aparatos contan tamén con baterías de longa duración que facilitan o seu manexo e versatilidade.

Para o correcto manexo das cámaras, dende o Concello organizouse unha xornada formativa para o  persoal municipal que estará o cargo do seu manexo, na que tamén estivo presente a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

Esta ferramenta de medición ofrece a posibilidade de detección da temperatura ata 1,2 metros de distancia. Unha vez encadrado o rostro da persoa na pantalla da cámara, púlsase o botón disparador do aparato e a imaxe da persoa queda conxelada, mostrándose a súa temperatura corporal. A cámara ofrece a posibilidade de gardar dita imaxe se fose necesario.