Persoal do Concello de Monforte achégase ata o Poboado Xitano de As Lamas para entregar material hixiénico e de protección ante o COVID-19

Monforte de Lemos, 6 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte e o seu Equipo de Goberno seguen coordinando a axuda e a protección contra a pandemia do COVID-19, e deste xeito atenden ás necesidades dos diferentes colectivos da cidade, neste caso as das 19 familias que conforman o Poboado Xitano de As Lamas.

Deste xeito, por indicación do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, na mañá de hoxe persoal dos Servizos Sociais do Concello acompañados por axentes da Policía Local achegáronse ata o Poboado Xitano de As Lamas, xunto ó campo da feira, para facerlle entrega a este colectivo de diverso material de protección e hixiene ante o coronavirus.

En concreto, foron entregadas no poboado de As Lamas 30 mascarillas de protección, 20 botes de hidroxel, 2 caixas de guantes de diversos tamaños, 30 rollos grandes de papel de maus, 20 botes de xel de baño e 1 garrafa de 10 litros de desinfectante para diluír en auga.

Esta acción obedece ó interese do Equipo de Goberno do Concello por reforzar os servizos de atención a persoas e familias que vivan en asentamentos segregados ou barrios vulnerables. En verbas do Alcalde, “non podemos ignorar as consecuencias que esta crise do COVID-19 ten para as persoas máis gravemente excluídas, entre as que se atopan aquelas que sobreviven en asentamentos segregados ou en barrios en situación de grave vulnerabilidade, como é o caso do colectivo xitano que habita no Poboado de As Lamas”.

Por iso, ademais da entrega de material referido, o persoal municipal de Servizos Sociais tamén se interesou por saber como se atopaban os veciños deste asentamento, así como se tiñan algunha necesidade específica.

O Alcalde indicou que “boa parte das familias deste poboado de As Lamas, atópanse ante unha situación de desprotección, que se agrava debido ó illamento no que viven habitualmente, o cal fai moi complicado que poidan adoptar e seguir as medidas hixiénicas e de distanciamento social recomendadas polas autoridades sanitarias ante a crise provocada polo COVID-19, e son obstáculos á adopción de medidas preventivas”.

“Por iso”, continuou Tomé Roca, “ante esta situación de alta vulnerabilidade, a actuación do persoal especializado dos nosos Servizos Sociais, co apoio de efectivos da Policía Local, é fundamental para o desenvolvemento deste tipo de actuacións como a que levamos hoxe a cabo, a fin de paliar o impacto que esta crise do coronavirus está a ocasionar en persoas e familias pertencentes, neste caso, ó colectivo xitano que conforma o Poboado de As Lamas”.