Xornada de difusión do V Espazo Coworking Ribeira Sacra para emprendedores

Monforte de Lemos, 24 de xaneiro de 2020. O vindeiro martes 28 de xaneiro ás 20 h no Centro do Viño de Monforte (rúa Comercio, 6) terá lugar unha Xornada de difusión do V Espazo Coworking Ribeira Sacra para emprendedores.

A asistencia a esta xornada é libre e non é necesario inscribirse previamente. A xornada está dirixida a informarse de como participar no V Espazo Coworking Ribeira Sacra, que está enfocado a orientar a todos aquelas persoas que teñan en mente unha idea de negocio e queiran desenvolvela.

 

O PROGRAMA desta xornada informativa será o seguinte:

20:00 h.- Presentación do Proxecto ESPAZO COWORKING RIBEIRA SACRA: Metodoloxía, fases e proceso de inscrición. Intervirán:

  • Gloria Mª Prada Rodríguez- 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte de Lemos
  • Estefanía  Suárez Mansilla- Subdirectora oficina Galicia Emprende- IGAPE
  • Alfonso Martínez Fernández- Escola de Organización Industrial (EOI)

20:30 h.- Experiencias anteriores: Coa participación de Emprendedores que participaron nas 4 edicións anteriores do Espazo Coworking Ribeira Sacra.

 

Este programa Espazo Coworking Ribeira Sacra, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está impulsado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

Nel poderán participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico, gastronómico, do sector servizos, agrícola, etc. O prazo de inscrición segue aberto e permanecerá ata finais de mes. A matrícula é gratuíta e celebrarase nas instalacións de Expolemos. O espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 6 meses, aproximadamente. O programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, poderán participar as persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto. No espazo Coworking de Monforte de Lemos os participantes recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto. Ademais poderán participar en diferentes obradoiros e eventos e estarán en contacto con especialistas en comunicación, finanzas e vendas, entre outras disciplinas.

+ INFO: Oficina de Promoción Económica do Concello de Monforte (Casitas da Compañía) e no teléfono 982 884 775.