O Alcalde presenta a nova maquinaria para a recollida de residuos municipais

Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe na explanada da Compañía a nova flota de vehículos e maquinaria destinados á  recollida de residuos municipais tanto da zona urbana como das parroquias de Monforte. No acto estivo acompañado polo Director da Delegación Noroeste de FCC Medio Ambiente, Ernesto Barrio, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.

A adquisición destes novos elementos de limpeza viaria son froito das negociacións do Alcalde, José Tomé Roca, coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.

Deste xeito, “son un total de 10 vehículos e equipamentos para a recollida de residuos municipais, os cales aportarán unha significativa mellora á operatividade dos equipos destinados a este servizo así como no aumento da capacidade de recollida dos residuos, e destinamos para elo unha inversión de máis de 635.000 euros (635.442.42 €)” destacou José Tomé Roca.

A presentación serviu tamén para dar a coñecer polo Alcalde outros 2 vehículos de limpeza viaria que faltaban por entregar, e que non puideron ser dados a coñecer na presentación feita polo rexedor municipal o pasado mes de abril dos novos equipamentos adquiridos deste tipo. Os dous equipos presentados hoxe foron adquiridos por  143.828 euros.

Entre as melloras acadadas tralas negociacións que supuxeron a prórroga do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, subscrito entre o Concello de Monforte e FCC Medio Ambiente, a empresa concesionaria xa levou a cabo, dende principios deste ano 2021 as seguintes accións:

  • A adquisición de 25 equipos  e vehículos para limpeza viaria, por 914.611,38 euros.
  • A adquisición de 10 vehículos e equipamento para a recollida de residuos, por 635.442,42  euros, que foron presentados hoxe.
  • A renovación de colectores, cunha inversión de 345.991,59 euros.
  • A renovación de colectores soterrados, cunha inversión de 239.170,74 euros.
  • Inversión en papeleiras: 43.038 euros.

“Coa inversión en vehículos e equipos anunciada hoxe, alcanzamos os 1,2 millóns de euros (1.220.604,75 €) en melloras desenvoltas polo Concello no servizo recollida de residuos municipais, que engadidas ás inversións en limpeza viaria (957.649,38 €), superan os 2,1 millóns de euros (2.178.254,13€) en melloras desenvoltas por este Concello no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade”, destacou Tomé Roca.

 

Renovación da maquinaria empregada na recollida de residuos municipais de Monforte

O contrato de prórroga subscrito entre o Concello de Monforte e a empresa FCC Medio Ambiente contempla a renovación da totalidade da maquinaria inicialmente adquirida para a prestación do servizo de recollida de residuos municipais.

A maquinaria adquirida é de similares características a contemplada na inversión inicial e na súa compra tivéronse en conta distintas necesidades observadas durante o desenrolo de dez anos do servizo, como foron:

  • Incrementar a capacidade dun dos furgóns de caixa aberta con plataforma, de 11 m3 a 13 m3, e a súa carga máxima autorizada ata 6 toneladas, para poder mellorar o servizo de recollida de mobles e trastes vellos, así como o servizo de recollida de cartón porta a porta, o incrementar a capacidade da caixa.
  • Diminuír a distancia entre eixes do camión tipo Ampiroll con grúa. Desta maneira, o camión poderá realizar o baleirado na planta de transferencia de forma convencional, ó poder pousar os 3 eixes sobre a báscula da planta. Ademais, adquírese para este equipo unha pinza agrícola para facilitar a carga dos residuos de poda.
  • Dotar os vehículos recolledores de suspensión traseira pneumática. Este implemento facilita o acceso a determinados puntos dos recorridos de recollida en zonas rurais, ademais de facilitar os traballos dos operarios de “cubeo”.

Xunto con estas melloras na operatividade dos equipos, incorpóranse as últimas tecnoloxías referentes a emisións, ruídos, ergonomía e eficiencia xeral.

Á inversión realizada en equipos de recollida hai que sumar a inversión nos distintos sistemas de contenerización de residuos, tanto no que se refire á fracción resto como os da selectiva, ademais da importante inversión na renovación dos colectores soterrados.

A partida de recollida de residuos urbanos supón unha importante inversión, polas características e número de maquinaria, que se veu complementada coa adquisición de colectores para a recollida da fracción resto, colectores para a recollida selectiva e a importante inversión en renovación dos colectores soterrados.