O Concello promociona Monforte e a Ribeira Sacra a nivel internacional apoiando o Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura

Monforte de Lemos, 22 de setembro de 2021. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou este mércores na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o Campionato Mundial de Carreiras de Aventuras, que arrancará o vindeiro 2 de outubro na cidade do Cabe para percorrer despois ata o día 9 unha vintena de concellos lucenses, e as provincias de Ourense e A Coruña.

José Tomé, que compareceu xunto co director da carreira, Pablo López Franco, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, subliñou que esta proba fará historia “no deporte en Monforte e na provincia de Lugo, pero tamén en Galicia e en España”, porque se trata da primeira vez que o concello monfortino acolle un campionato do mundo e da segunda ocasión esta competición se celebra no país, despois de que Castela e León a acollera no ano 2010.

O mandatario municipal explicou que “dende o Concello de Monforte colaboramos con toda a parte loxística para facer posible a celebración da proba: dende dotacións de Policía Local, Protección Civil, emerxencias, ata autorizacións de uso de espazos, especialmente a xestión coas Comunidades de Montes para a obtención dos permisos de paso polos seus camiños forestais, entre outras cuestións”.

Do mesmo xeito, a Deputación de Lugo colabora con este evento deportivo de primeiro nivel cunha aportación de 60.000€, un apoio que forma parte “da nosa aposta por consolidar a provincia de Lugo como un escenario de grandes acontecementos deportivos que teñen unha repercusión global” para promocionar o territorio a nivel nacional e internacional, e favorecer así a actividade turística de calidade e sostible.

Neste sentido, lembrou que ambas institucións colaboraron este ano para o paso La Vuelta Ciclista pola provincia, sendo Monforte final da 19ª etapa, e para a celebración da primeira edición da regata máis longa de Europa, a Gold River Race.

O Campionato do Mundo de Carreiras de Aventuras bate neste edición récord de participación, con preto de 100 equipos inscritos e máis de 400 participantes de 24 países de toda Europa e América, que percorrerán un trazado de 620 quilómetros combinando etapas de kayak, bicicleta de montaña ou trekking.

“Igual de importantes que estas cifras, que demostran a importancia e a dureza da proba, son os seus valores, como a defensa da ecoloxía, pois é unha competición con cero emisións e que promove o respecto e o reencontro cos nosos espazos naturais, ou como a igualdade de xénero, nun deporte no que homes e mulleres compiten nas mesmas condicións en equipos que deben ser obrigatoriamente mixtos”, explicou o Alcalde.

Estes valores, xunto coa proxección que garante a proba, “foron capitais á hora de decidirnos a colaborar”, asegurou José Tomé, quen destacou que, a curto prazo, a celebración da carreira terá un impacto económico directo na cidade e na provincia estimado pola organización en máis de 200.000€, pola presenza de 600 persoas -entre os participantes e os equipos de apoio-, “o que, sen dúbida, incentivará o consumo na hostalería e no comercio local”.

A repercusión a longo prazo en termos de promoción “tamén será de primeiro nivel”, recalcou o mandatario local, tendo en conta que a audiencia prevista deste campionato será de máis de 7,5 millóns de persoas, “que van ver a nosa paisaxe e patrimonio a través dos medios de comunicación e das redes sociais”. “O deporte xera coñecemento e interese, polo que resulta un dos mellores escaparates para promover a nosa oferta de lecer, e o noso modelo de turismo de calidade e sostible vinculado á natureza. Estou convencido de que, despois de coñecer as nosas paisaxes como deportistas ou seareiros, moitos animaranse a visitar a nosa cidade e a nosa provincia como turistas”, afirmou.

 

Os mellores, entre os 100 equipos participantes

A Raid Gallaecia-AR World Championship 2021 comezará na Cidade do Cabe o vindeiro sábado, 2 de outubro, (con saída ás 12.00 horas desde a Praza da Compañía) e percorrerá diferentes puntos da provincia de Lugo, da Coruña e de Ourense ata o día 9 dese mes.

O campionato reunirá aos 11 dos 12 primeiros clasificados mundiais das Adventure Racing World Series (ARWS) 2021 entre os 100 inscritos, unha cifra récord na historia das carreiras de aventura. Os franceses 400 Team Naturex, primeiros na clasificación, Lozere Team2Raid (9) e Hoka One One (12), os ecuatorianos Movistar-Terra Aventura (2) e Life Adventureteam Imptek (7), o español Torpedo-Vidaraid (3), os suecos ARSweden (4) e Swedish Armed Forces Adventure Team (SAFAT) (11), o Estonia Ace (5), o ruso Blizzard (8) e o  checo Black Hill-Salomon (10) son os 11 dos 12 primeiros clasificados das ARWS 2021.

Esta proba outorga o título de campión do mundo entre os 24 países participantes: España (36 equipos), Francia (14), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña (5), Polonia (4), Dinamarca, Colombia (3), Ecuador, Estonia, Finlandia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Bélxica, Brasil, Croacia, Guatemala, Irlanda, Israel, Italia, Letonia, México e Países Baixos (1). Con esta cifra, o Raid Gallaecia supera o récord  de participantes na historia das carreiras de aventura. A plusmarca establecérase no XPD Australia en 2016, cando competiron 94 cuartetos.

O tempo estimado do gañador é do redor dunhas 90 horas (uns 4 días). A carreira continuará aberta ata as 168 horas, pois a meta pecharase o sábado 9 de outubro, ás 12.00 horas. Ese mesmo día terá lugar a cerimonia de entrega de premios, a cea e a festa final.

 

A historia da competición

As orixes deste deporte remóntanse aos anos 60 do século pasado, coa organización da  Karrimor International Mountain Marathon (1968, Gran Bretaña) unha carreira de montaña que se disputou por parellas e na que os participantes debían cargar co material necesario para subsistir ao longo de dous días. O Raid Gauloises (1989, Nova Zelanda) foi a primeira proba que engadiu todos os elementos actuais das carreiras de aventuras tipo expedición: equipos mixtos, varios días de competición e máis de 400 quilómetros combinando disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kayak, cordas e orientación.

O primeiro Campionato do Mundo de Raid de aventuras tivo lugar hai xusto 20 anos, no 2001, e esta será a edición número 17, posto que a proba non se puido disputar no 2002 e 2003, e leva dous anos sen celebrarse pola pandemia.

Pola súa parte, o Raid Gallaecia naceu no 2013, aínda que viña disputándose con diferentes denominacións desde 2005. Tras esa edición inicial, ao ano seguinte foi o Campionato de España da especialidade e no 2015 entrou nas AR World Series co nombre de Raid Gallaecia Expedition Series Spain, adquirindo carácter bienal. Tras as edicións do 2017 e 2019, este ano o AR World Championship terá lugar en España por segunda vez. O Bimbache Extrem, en Castela e León, xa tivo a honra de acoller o AR World Championship en España no 2010.