O Alcalde anuncia o inicio das obras de mellora da rúa A Veiga

Monforte de Lemos, 24 de febreiro de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de anunciar o inicio, na mañá de hoxe, das obras de mellora na rúa A Veiga que suporán a renovación do seu pavimento.

Esta actuación de mellora en infraestruturas urbanas da cidade encádrase dentro do plan dos 31 proxectos que o Equipo de Goberno puxo en marcha en Monforte dende setembro de 2020, cunha inversión superior ós 10,5 millóns de euros, e que foi detallado polo rexedor municipal a principios deste mes de xaneiro.

En concreto, o proxecto de mellora da Rúa A Veiga foi adxudicado á empresa Francisco Gómez y Cía, S.L. por un importe total de 38.143 euros, sendo o 100% da obra financiación municipal. O prazo de execución destas actuacións, iniciadas hoxe, é de 10 días.

O Alcalde destaca que “con esta obra de mellora na rúa A Veiga procedemos á renovación do seu firme, posto que presenta numerosas irregularidades e baches, facilitando así ós veciños da zona o tránsito axeitado pola mesma”.

Actuacións de mellora

A obra de mellora anunciada polo Alcalde na Rúa A Veiga, lévase a cabo sobre unha lonxitude de 1.155 metros.

As obras de renovación do firme da rúa A Veiga consisten, en primeiro lugar, no varrido do firme as zonas afectadas, por medios mecánicos, levándose a cabo unha limpeza enérxica da superficie do pavimento existente mediante cepillo de arame.

Posteriormente, en toda a calzada, procederase a aplicar unha nova capa de rodadura, consistente nunha capa de aglomerado en quente, tipo D-12, de 4 cm. de espesor, na que se  incluirá o rego de adherencia e o bacheo previo nas zonas en que é necesario.

A continuación, procederase ó levantado ou recalce de tapas de arquetas e rexistros para alcanzar o novo nivel da capa de rodadura.

E para rematar, na calzada, unha vez terminada a colocación da nova capa de aglomerado, procederase ao pintado da vía, coa marcaxe das liñas, cebreados e símbolos correspondentes.